«Hai carencias, pero que grande é ter un hospital na comarca»

ana f. cuba BURELA

A MARIÑA

19 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Josefa Yáñez Cao (Alfoz, 1947) quédalle pouco máis dun ano para xubilarse. «Vou ir encantada para a casa, a disfrutar do sofá», asegura, despois de 25 anos traballando no Hospital da Costa. Fina, A Villareja, como é coñecida en Burela (o seu marido, de apelido Villarejo, rexentou durante anos unha funeraria con este nome), de profesión auxiliar administrativo, comezou a súa carreira profesional no servizo de admisión do Hospital Xeral, en Lugo. E cando construiron o centro de Burela solicitou o traslado.

«Vin o 1 de marzo de 1986, case non había nin hospital..., eramos dúas auxiliares, unha que viña de A Coruña e eu; a ela déronlle a parte de nóminas e persoal e a min a sanitaria, de admisión, e nomeáronnos xefas», explica. No encontro de veteráns do Hospital da Costa que se celebrou por mor do 25 aniversario, Fina contou como tiveran que ir comprar libretas e bolígrafos para anotar aos primeiros pacientes. «E para facer os separadores das fichas -recorda- usabamos os cartóns que viñan daquela entre as placas, cunha letriña polo abecedario».

As consultas non comezaron ata o mes de maio. «Nese tempo encargámonos de organizar todos os departamentos», lembra. De admisión ía ao almacén ou onde fora necesario. «A colaboración era incrible, entre todos, traballabamos moitísimo, pero cunha ilusión enorme, por iso tiñamos tanta ansia de celebrar os 25 anos. Seguimos tendo unha unión especial coa xente de antes», recalca unha das organizadoras dos actos do aniversario. Aquel empeño colectivo contribuiu «a sacar adiante o hospital e a que fora evolucionando, con moita diferencia respecto a outros hospitais comarcais; é unha referencia».

¡Ai se desaparece un paciente!

No servizo de admisión pasaron do papel ás computadoras. «No 90 ou no 91 informatizárono, ao principio faciamos o traballo por duplicado porque nos parecía que se podía borrar algo. Imáxinate, eu, coa miña idade, ¡ai se desaparece un paciente!». Pero non tardaron en acostumarse e esquecer os antigos dietarios. Os ordenadores tamén lle facilita a tarefa diaria no seu actual destino, en persoal, ao que cambiou en 1998. «Son a xefa de grupo e levo as nóminas, más de 700 ao mes». Non añora os tempos de atención directa ao público, cando tiña que suplir algunha ausencia e deixar o despacho para saír ao mostrador, «dar as citas e solicitar probas a outros hospitais». Ten oído «moitísimas» queixas dos pacientes e ten solicitado moitos favores «e pelexar cos médicos, cando había un erro nunha cita, porque non podías mandar a unha persoa de volta para a casa». Agradece a colaboración dos facultativos: «Daquela eran máis sensibles».

Anécdota do doctor Lombán

Nunha ocasión tivo que acudir ao doctor Lombán, xefe de Cardioloxía, para atender a un paciente que non figuraba na lista: «Por Dios, lo tiene que mirar... ?Pero, cómo voy a hacerlo?. E unha doctora díxolle ?anda, que te va a pagar en especies?. ?De eso nada, que seguro que me regala una caja...?, porque como tiñamos a funeraria». Sorrí recordando a anécdota.

«Cando me falan mal do hospital, aínda recoñecendo as carencias -considera as listas de espera como o problema máis acuciante-, séntame fatal e sempre o defendo». Fina está orgullosa do centro e dos compañeiros. «O grande que é para A Mariña ter un hospital aquí, porque eu viaxei moitísimo a Lugo, o que supoñía subir A Xesta..., aínda hoxe é duro. Parían as señoras en Abadín ou mesmo en A Xesta. Vía como chegaba a xente de aquí a Lugo, en admisión... As de Ribeira de Piquín xa ían 15 días antes para dar a luz e quedábanse alí nunha pensión». E séntese partícipe deste logro.

Josefa Yáñez Cao, «Fina, A Villareja»

63 anos

Auxiliar administrativo

o parque que hai no centro da vila