Celtistas de Primeira División

ana f. cuba BURELA / LA VOZ

A MARIÑA

Un de Arbo, outro donostiarra; viven en Burela e teñen sangue celeste

22 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Os celtiños saben o que é sufrir. Este ano cúmprense 25 do nacemento da Peña Celtista de Burela. Juan Bautista Rodríguez Vieitez (Arbo-Pontevedra, 1958) foi un dos fundadores, xunto a Indalecio Murados Castro, xa falecido, José Mon Otero e Ubaldo Pena Montoto. Daquela o R.C. Celta de Vigo estaba en Segunda, coma hoxe, anque tralo empate conseguido onte no estadio de Balaídos vai camiño de xogar a eliminatoria de ascenso.

Juan presidiu a peña ata hai menos dun ano, cando tomou o relevo o seu fillo maior (non se presentou outro candidato), Jorge Rodríguez Gómez. O pai é afeccionado celeste «dende pequeno». Con 16 anos trasladouse ao País Vasco, pero a paixón futboleira non mudou. Dende 1980 vive en Burela e en 1991 fíxose socio do clube vigués.

«Vivín a época de gloria, cando xogamos a Copa da UEFA, e fun a todos os partidos de Champions... Vin ascensos e descensos, choros e alegrías, de todo», asegura este home fiel, que non entende «como se pode ser de dous equipos». Nin o Barça de Guardiola nin o Real Madrid de Mourinho. Juan goza e padece unicamente co Celta de Vigo. O primoxénito, que pisou por primeira vez Balaídos aos 12 anos, suspira polas mesmas cores. «No anterior descenso, o do 2004, chorei. Ao ano seguinte subeu e metémonos na UEFA e ao seguinte volveu a descender. Esta vez xa o levei mellor porque a tres xornadas do final xa o viamos, pero como ser do Celta ten estas cousas, gañamos os tres partidos e aínda quedaba a esperanza de que fallaran outros», conta. El tamén lembra os anos gloriosos, cando «prestaba tanto ir ao campo porque case sabías que na casa ía gañar».

Pai e fillo falan da era de Mostovoi, Karpin ou Mazinho, primeiro con Javier Irureta e despois con Víctor Fernández. Estar en Primeira significa andar pendente do calendario, de ver cando visitan Balaídos os grandes, anque Jorge non deixou de acudir. Cada ano viaxa oito ou nove veces a Vigo. Onte participou na convención de peñas e tocoulle sentarse no palco. «Non me gusta, son socio do fondo de marcador, que é máis animado, paso nervios, collo a bufanda e estrúlloa», relata. Seu pai veuno na casa, coa nai, extremeña, pero celtista de primeira.