A festa da lingua galega chegou a todos os recunchos mariñáns

y. garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MARIÑA

Moitos concellos encheron a súa axenda de citas musicais, teatrais e outras

18 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Onte, Día das Letras Galegas, foron moitas as localidades mariñás que se sumaron á gran festa da nosa lingua que galegos e galegas celebraron por toda a comunidade, lembrando neste 2011 a figura de Lois Pereiro e recitando unha vez máis os seus poemas. En Ribadeo, a xornada amenceu coa cita Pan e letras e continuou con folclore da man de Amigos da Gaita, lecturas da plataforma Queremos Galego e caraveis agasallo da agrupación Francisco Lanza. En Viveiro, outra iniciativa similar, Letras con música, converteu a praza da Fontenova nun escenario musical e literario coa participación do grupo de improvisación do Conservatorio e das librarías Porta da Vila e Neira, mentres que o Casino convidou ao cronista oficial Carlos Nuevo para afondar na vida e obra de Pereiro, xa pola tarde. En San Cibrao, a maiores dos títeres para nenos, o Museo do Mar completou a axenda con numerosas actividades.

Continuando a viaxe pola comarca, no Valadouro e en Barreiros se mesturou o recital poético coa música, Lourenzá ofreceu unha mostra do bo teatro afeccionado que se fai na Mariña, igual que no caso da cita principal de Mondoñedo (onde, por certo, remata hoxe a exposición do centenario de Cunqueiro). En Foz o Concello dedicou o día aos nenos e o BNG celebrou a súa Festa das Letras e en Ourol houbo premios e coros.