O tesouro minguante do río Eo

ana f. cuba A PONTENOVA / LA VOZ

A MARIÑA

Naceu en Xove, vive en A Pontenova e leva case sete décadas de pesca

01 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Demetrio Louzao Oca (A Rigueira-Xove, 1929), contable xubilado, comezou a pescar con 14 anos, «nun río pequeno, o río da Rigueira, que desembocaba onde está hoxe a piscifactoría, e tamén en Valcarría, nun que baixa ao Landro, e noutro que vén de Trasbar, en Cervo, o río Covo». «Meu pai era pescador -conta-, pero non era moi dado a ensinarnos, tiñamos que aprender nós..., e eu escapaba ao río». Este home afable e activo naceu nuns muíños da parroquia xovense de A Rigueira. Seu avó era muiñeiro e el viveu alí ata os nove anos e despois seguíu indo a ver aos avós.

Ao pé do río afeccionouse á pesca, tanto que na casa non tardaron en fartarse de troitas. «Xa non había quen as quixera...», asegura. Naquel tempo os ríos estaban ateigados e a Demetrio, que sempre tivo boa man para o peixe, encargábanlle troitas para organizar convites. Pedíallo o cura, que era amigo, para unha comida con outros sacerdotes; e familias de emigrantes que viñan de Cuba, para celebrar festas, «por Santa Isabel, na praia de Area..., polo que fora». Daquela non existían os cupos.

Unha vida á carón do río

Dende 1959, cando casou, vive en A Pontenova e pesca no Eo e nos seus afluentes, que conforman un pequeno mapa da súa vida. «Coñezo o Eo á perfección, dende debaixo de A Fonsagrada ata a desembocadura, e todos os afluentes», explica. Nestas augas ten capturado ata 1.490 troitas nunha temporada, a de 1986, que lle valeu o recoñecemento en revistas especializadas. «A partir do ano 2000 ou 2001 xa baixou a cota a 70 e pico ou 80 e foron empezando a baixar (as capturas) paulatinamente, porque non hai que apañar», lamenta Demetrio. ¿Cales son as causas da progresiva reducción de troitas no Eo e nos cauces darredor? «O río -indica Demetrio- é coma outras cousas, ninguén mira por el. Recordo épocas nas que os vixiantes traballaban, limpaban..., agora andan pola carretera e vixían. Paréceme correcto que cumpramos todas as normas, pero hai árbores caídos, maleza, non se saca nada do río. O amieiro xera moita folla, que é mala para o río, cando chove solta un tinte e a auga queda azul. Pero iso me competen a min, senón aos biólogos... Os cormoráns e as nutrias tamén comen algunha».

«Se non hai non podes apañar»

Este troiteiro campión (garda dúas copas; unha gañouna sendo Manuel Fraga ministro de Información e Turismo e outra, na primeira edición da Festa da Troita de A Pontenova) considera que un río «da categoría do Eo debería ter un criadeiro de troitas». Hai xente que lle di «que bo pescador era». «Si, era, pero igual que lles ocorre aos paisanos cando botan as patacas, se non as hai, non as apañan», constata. O ano pasado aínda pillou oito quilos de troitas e xa está pensando en saír.

«É un deporte, gústame moito andar, traballei de administrativo nunha empresa durante máis de 31 anos, da ventá da oficiña vía o río e á hora de parar, ás sete, en maio e xuño, cos días grandes, collía o bocadillo e a pescar ata as dez da noite». Ten botado máis de dez horas no río, sen parar a comer para andar máis lixeiro. E gústanlle ás troitas, «as do Eo son boas, canto máis arriba de A Fansagrada, mellor, iso é gloria pura»

En 1960, Demetrio pescou o primeiro salmón da campaña, de 6,8 quilos, e tamén ten ido aos reos (un ano colleu 28). Pero a troita manda na historia deste pescador, que encarga os cestos a medida, para oito quilos, a un artesán de Budián. Botou media vida entre números, «coa máquina de escribir, a sumadora, o bolígrafo e a cabeza como ferramentas de traballo». No río repoñía forzas e aínda hoxe lle da a vida cada vez que pican.