«Estámoslle lavando a cara á vila de A Pontenova»

L.P.

A MARIÑA

O alcalde pontenovés destaca o cambio que está supoñendo a remodelación da praza de Os Fornos e o encauzamento do Eo

30 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Darío Campos, alcalde socialista de A Pontenova, afronta o seu último ano de mandato no Concello. E faino, di, satisfeito do traballo feito, que está conseguindo cambiarlle a cara á vila. Fala do encauzamento do río, da reforma da praza dos Fornos, das obras feitas con cargo ao fondo estatal de emprego... e salienta a disposición do equipo de goberno de estar sempre cos veciños. Nestas datas nas que a Festa da Troita son o mellor escaparate de A Pontenova, Darío Campos anima a todos a visitar o concello.

-Agora que xa se vai entrar no tramo final do mandato, ¿amósase satisfeito do goberno municipal socialista?

-Si. Penso que se fixeron moitas cousas que se están vendo. A nivel de obras, por exemplo, está a restauración da praza dos Fornos. Tamén espero que este ano comecen coa reparación da estrada nacional. Está o encauzamento do río. Tamén se amañou a antiga casa sindical, que é un lugar de reunión e traballo das asociacións, e agora co fondo estatal vanse facer varios saneamentos e traídas. Aí está a mellora da estrada Riotorto-Augaxosa. En fin, penso que se están facendo e se fixeron moitas cousas. -Unha das últimas demandas mais fortes é a do amaño da estrada naciona l.

-Está nun estado lamentable, a travesía tamén. É unha obra lóxica, que pide a oposición, que pedimos nós, e que piden practicamente o cen o por cen dos veciños. Non é cuestión de política, é unha realidade que hai que afrontar. Pero o proxecto xa está feito e confío en que se adxudique e as obras comecen durante este ano. É o que todos desexamos. -Certo é que o fondo estatal supuxo unha axuda moi importante para todos os concellos, en especial os pequenos. -Así é. É unha fonte de ingresos que nos permite afrontar urxencias. E o importante é que é para todos igual, sen distinguir cores políticas. Todos os concellos, goberne quen goberne, reciben o que lles toca por poboación. Iso é o desexable en política, porque moitas veces vemos que as axudas e subvencións danse en función de quen goberne nun concello. -¿O encauzamento do río está a supor un lavado de cara ao Concello? -Agora xa se ve unha mellora importante, despois de tirar as casas que había fronte ao concello, da outra beira do río. Vese unha maior amplitude do cauce, e cando estea rematando, canso se ensanche a rúa e se cambie a ponte vai ser unha marabilla. O que ocorre é que estas obras tan importantes mentras se fan sempre ocasionan molestias aos veciños, polas que temos que pedir desculpas, pero o resultado final, penso, vai merecer a pena. -A imaxe de A Pontenova está cambiando. -Pode gustar mais ou menos, pero á Pontenova estámoslle lavando a cara. Coa praza dos fornos, cando a zona verde estea en plenitude, e co encauzamento do río o cambio vai ser importante. E para ben. -Quédalle un ano de traballo no que, se cadra, verase mellor ese cambio de imaxe. -Queda traballo por diante. As obras van ir avanzando. Pero non nos imos quedar de brazos cruzados nin tampouco imos facer ningunha tontería con inversións fora de lugar. Seguiremos traballando da mesma forma. -¿E que pensa do proxecto da central hidroeléctrica en Ribeira de Piquín, que afectaría ao Eo? -Temos un técnico que, en colaboración con CIT, está mirando o proxecto. Imos alegar, porque parécenos que coa concesión de auga que ten poderíase secar o río Eo, sobre todo no verán, cando leva menos auga. É moi esaxerado e a nivel medioambiental penso que sería un golpe moi duro para o Eo. -¿E como ve o estado do río Eo? -Está moi ben. As obras que se fixeron de saneamentos foron moi positivas. A xente di que polos afluentes estánse vendo troitas, pequenas, pero bastantes. Hai que esperar a ver como vai a temporada.