Albións espera mañá a máis de 150 atletas na carreira popular da Festa da Troita

La Voz

A MARIÑA

30 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Pontenova será escenario mañá da décimo oitava edición da Carreira Popular Festa da Troita, na que a Sociedade Deportiva Albións, entidade colaboradora xunto ao Concello do Centro de Iniciativas Turísticas da Pontenova, agarda a presenza «de entre 150 e 200 atletas», indicaron desde o club. A competición deste ano estará dedicada ao ex deportista do Egovarros de Viveiro Julián Bernal, falecido hai unhas semanas.

A proba comezará ás once da mañá na avenida de Taramundi coas competición para os máis pequenos. Os prebenxamíns correrán unha distancia de 400 metros, os benxamíns afrontarán 800 metros e os alevíns e infantís deberán cubrir un percorrido de dous quilómetros.

Ao redor das once e media da mañá darase a saída á carreira absoluta, na que tamén participarán os cadetes, os xuvenís, os xúniors, os séniors e as distintas categorías de veteranos existentes. Todos eles correrán unha distancia de seis quilómetros.

Os tres mellores de cada categoría recibirán un trofeo e os máis pequenos serán obsequiados con cadansúa medalla conmemorativa desta edición.

Inscrición gratuíta

A inscrición na proba é totalmente gratuíta e pode facerse chamando ao 982???342???292 (de 21 a 23 horas), enviando un correo electrónico á dirección sociedadedeportivaalbions@gmail ou, antes da proba, dirixíndose á Casa da Cultura da Pontenova. Desde a Sociedade Deportiva Albións indicaron que se espera unha grande afluencia de atletas de clubs da comarca, do resto da provincia e do Occidente asturiano.