O compositor de Viveiro iniciou facendo o servizo militar unha carreira músical que o levou ata escenarios internacionais
16 ene 2010 . Actualizado a las 02:00 h.O viveirense Daniel Fernández Caxete, máis coñecido simplemente polo seu segundo apelido, atopouse coa súa afección pola música tarde, aínda que admite que sempre lle tirara. «Empecei cando fun facer o servizo militar a Ferrol, con 19 anos. Alí había unha banda no cuartel e entre varios amigos conseguiron que comezase o arte de 'rascar' na guitarra», explica entre risos. Desde aquela, sinala, «xa non parei».
Os inicios de Caxete foron de cantautor e desde mediados da década dos 70 e nos comezos dos 80 tivo a oportunidade de actuar con grupos históricos como Fuxan os Ventos ou Saraibas. Desta época garda uns grandes recordos: «Tiven a sorte de tocar con grandes músicos, dos que aprendín moito, e de asistir a grandes concertos de xente e grupos como Miguel Ríos ou Milladoiro, que xa daquela tiñan un caché importante».
Logo da experiencia acadada nestes anos, Caxete aventurouse un dúo co seu amigo Andrés, que remataría sendo o xermolo do popular grupo Xistra: «No ano 84 gañamos o Festival de Bergantiños e un ano despois quedamos segundos, por detrás de Uxía Senlle. Xa no 1986 ofrecinlle a Atadell que fora a este certame coa canción Temporal , que compuxera eu. Aceptou, Andrés e máis eu fomos de acompañamento, e gañou o primeiro premio».
Aquí nacía oficialmente o grupo Xistra, que tivo uns inicios moi exitosos: «Participamos en festivais por toda Galicia [Boiro, Bergantiños, Mondoñedo, Rianxo..., rememora] e tivemos a sorte de gañar outros oito primeiros premios máis no Festival da Canción Galega, tendo como xurado a artistas tan destacados como Amancio Prada».
O grupo ía gañando notoriedade e isto permitiulles gravar o seu primeiro disco, titulado Temporal , en homenaxe ao tema principal do mesmo. «Fomos gravar a un dos estudos máis coñecidos de Madrid, o Laura Lady Records de Atocha, onde tamén gravou xente como Lauren Postigo ou Norma Duval. O local estaba dirixido por Félix Arribas, o batería de Los Pekenikes, un grupo que tocou o verán pasado en Viveiro», relata.
Viaxes a Londres e Arxentina
Uns meses despois, Xistra de Viveiro xa estaba viaxando por distintos centros galegos do estranxeiro, representando a Galicia e á súa canción.
Arxentina ou Londres foron parada da banda e Caxete recorda moi especialmente dúas anécdotas que lle sucederon na capital inglesa. «Era o ano 88 e pasamos catro días en Londres, invitados para tocar nun festival de emigrantes. A noite antes de regresar durmimos no hotel Don Pepe, que rexentaba un home da Pontenova. Para aforrar tempo ao día seguinte camiño do aeroporto, recomendounos regresar ao auditorio no que actuaramos a polo material e tivemos a sorte de que esa mesma noite entraron a roubar alí. Ían a polos nosos instrumentos», conta.
Na outra historia teñen un papel principal os actores Sylvester Stallone e Arnold Schwarzenegger, naquel tempo na cúspide da súa carreira cinematográfica: «Estábamos en Trafalgar Square e observamos a un grupo de xente facendo unha especie de pasarela e a un ronsel de limusinas. Achegámonos e vímolos aos dous, que ao parecer viñan de inaugurar unha discoteca».
A aventura de Xistra continuou por Galicia. «Participamos en festivais como o de Guísamo ou o de Pardiñas, en Guitiriz, que daquela aínda estaba nacendo e agora xa está consolidado», rememora. A asistencia a estes eventos serviulles para coñecer a recoñecidos músicos como Suso Vaamonde, «co que entaboei moita amizade», ou o valadourense Miro Casabella.
Mais, non precisaron marchar de Viveiro para compartir escenarios e gravacións con grandes músicos: «Gravamos cos nosos veciños os irmáns Amor, xente moi boa que acompañou nalgunha das súas xiras a Rocío Dúrcal».
Xa no 1993 aparecía o segundo disco do grupo, co nome de Mistura na ialba . «Tocábamos cancións tradicionais, musicábamos a algúns poetas como Rosalía de Castro ou Noriega Varela e tamén había algún tema composto por min», recorda.
Logo duns doce anos, Xistra disolvíase. Polo grupo pasaran outros tres compoñentes: Josito, Fuco e Alberto. «Deixámolo por cansazo», afirma.
A súa faceta de compositor
Caxete goza máis da súa faceta de compositor e lánzalle unha mensaxe a todos os artistas de Viveiro: «Gústame máis compoñer e estou aberto a colaborar con calquera músico, coral, agrupación ou roldalla das que hai no pobo». De feito, xa o fixo con Escolma de Meus e con dúas cantantes, Laura Gómez e Dolores Fernández, que competiron con temas compostos por el no Festival do Landro. Cando Caxete participou de xeito individual, no ano 2007, rematou segundo no apartado de canción inédita cun fado titulado Dende a lonxanía : «Fala dunha rapaza portuguesa que vén facer o Camiño de Santiago e se namora dun rapaz galego, polo que acaba vivindo en Galicia».
Precisamente este estilo da música portuguesa é o que más lle atrae. «Á hora de compoñer, sempre me inclinei máis pola canción tristona, entre o amor e o desamor», explica.
Experiencia en Mozambique
Non obstante, unha das razóns que o puido levar á súa querencia polo fado foi unha experiencia que viviu en Mozambique, cando traballa no mar con Pescanova. «Corría o ano 1973 e alí asistín a unha especie de sardiñada na que despois había varios concertos. Incluso actuou o músico brasileiro Roberto Carlos, cando aínda era un descoñecido. Foi alí onde me afeccionei definitivamente ao fado e á canción melódica», confesa.
Este gusto tamén lle serviu para facer un tema «moi sentido», que non musicou, dedicado ao drama que están vivindo os habitantes do barrio do Celeiriño, do que Caxete tamén é veciño. Comeza coas seguintes estrofas: Mala morte mata á sorte / que tan mal se comportou coas xentes do Celeiriño / das que abondo se cebou. «Son afectado en parte, porque podo seguir vivindo alí, pero é unha situación moi dramática», recoñece.
Caxete ten dous fillos, Dani e José Antonio, e o primeiro ten certas inquedanzas musicais. Ao seu pai non lle importaría facer con el un grupo, pero sabe que é difícil: «El está en Madrid traballando como deseñador gráfico, gústalle a música pero non ten tempo para dedicarse a elo».