Foz ten hoxe unha cita coa poesía

A MARIÑA

Os escritores Luisa Castro, Miguel Anxo Fernán Vello e Lois Diéguez participan nun recital para celebrar o vinte aniversario da Pomba do Arco

27 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A Pomba do Arco segue firme ao compromiso de divulgación cultural que adquiriu alá por novembro do 1989. Pasou o tempo e esta asociación sociocultural conmemora agora o vinte aniversario do seu nacemento na vila de Foz, da man dun grupo de mozos comprometidos co pobo e como reacción á situación da vila no plano cultural. A directiva xestora estaba formada por Xoán Carlos González Basanta, Balbino Fernández López, Xoán Antón Moreda Pinto, Ramón Xosé Lestegás Caramés, Ramón Xosé Eiras Fernández e Manuel Cruz Bustamante.

Aos actos celebrados a pasada fin de semana súmanse outras actividades que a directiva da Pomba programou para hoxe e mañá. Esta tarde, a partir das 20.30 horas, está previsto un recital poético bautizado como a Festa da Palabra. Ademais da escritora focense Luisa Castro participarán os autores Miguel Anxo Fernán Vello e Lois Diéguez, todos eles voces representativas das xeracións dos anos setenta e oitenta. Desde A Pomba, o seu presidente en funcións, Marcelino Villarino Cageao, lembra os numerosos escritores galegos que participaron nos actos organizados pola asociación, tanto en coloquios e conferencias como en presentacións de publicacións. Desde o colectivo adiantan que no recital de hoxe haberá un especial recordo para o único socio de honra que ten a asociación, o finado poeta Manuel María.

Os actos conmemorativos do vinte aniversario continuarán mañá cunha festa que leva incluída unha cea. Será a partir das dez da noite na Sala Bahía. Servirase un menú a base de empanada, polbo, xamón e cocido, con sobremesa, viño e café. Ademais de disfrutar dunha boa gastronomía, os asistentes divertiranse coas actuacións musicais da Peña de Cante en Bar, grupo formado por varios focegos que cantan á capela ou acompañados da guitarra cancións tradicionais do concello. Tamén actuará bOnOvO.

Servizo

As convocatorias destes días súmanse aos actos celebrados a fin de semana pasada e que reuniron ao cronista oficial Suso Fernández, ao profesor Francisco Carballo, á profesora Pilar García Negro e ao maxistrado Xosé Xoán Barreiro Prado. Desde a asociación fan unha valoración positiva das últimas dúas décadas e cren que estes vinte anos de actividade da Pomba «serviron para achegar a Foz a cultura que se estaba a facer en Galiza, pero sobre todo, serviron para que Foz fixese cultura e os focegos se sentisen orgullosos de si mesmos».