«A Festa da Troita converteuse nun referente na pesca a nivel galego»

A MARIÑA

O rexedor espera que Medio Ambiente tome medidas para que volvan as troitas ao río Eo, xa que a súa escaseza está perxudicando o turismo na zona

30 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Esta tarde dará comezo a trixésimo primeira edición da Festa da Troita de A Pontenova. O alcalde desta localidade, o socialista Darío Campos Conde, explicou que todo está listo para que esta celebración sexa, un ano máis, todo un éxito.

-¿Que destacaría da programación deste ano?

-Os concursos de pesca son o máis rechamante desta edición. Pero, ademais, trátase dunha festa gastronómica das máis antigas que hai na Mariña. Haberá tamén demostracións e obradoiros para rapaces, polo que o programa é moi completo. Tamén hai que destacar a andadura e as verbenas, como todos os anos.

-A festa xa está consolidada.

-Si, e vai ser un éxito porque son xa 31 anos. Trátase dunha celebración moi arraigada no Concello e tamén a nivel galego. Esta festa converteuse nun referente na pesca a nivel galego e é unha das máis importantes da comunidade.

-¿Cantos visitantes agardan?

-Esperamos que veña moita xente porque este ano coincide en moi boas datas, xa que hai unha ponte festiva.

-¿Suporá un gran problema a falta de poboación de troitas no río Eo?

-O tema da poboación de troitas no río Eo é un dos maiores problemas que temos. Eu recordo de neno que había moita xente pescando todos os días, e agora hai poucos pescadores e as capturas son moi pequenas. Ademais, hai un tramo na zona desde A Pontenova cara arriba que é practicamente virxe, sen industrias, e segundo me contan os pescadores da zona, e tamén o vexo eu, polas dúas beiras do río está superpoboado de árbores, e iso proxecta unha sombra sobre o río que cremos que é o que impide a vida.

-¿Como se podería solucionar este problema?

-O problema é que levamos vinte ou trinta anos cunha política medioambiental que prohibe que se corten esas árbores, pero eu creo que iso ten que cambiar agora. Medio Ambiente deberíase pronunciar e tomar medidas. Cremos que se ten que estudar con detalle este problema, que para A Pontenova é fundamental, non só para a riqueza natural, senón tamén económica, a nivel do turismo, sobre todo. Se no río hai peixes, volverán a vir moitos pescadores, como ocorría hai anos, e iso repercute positivamente no comercio e na hostalería da zona.