«O sector pesqueiro na Mariña ten problemas de rendabilidade pola caída dos prezos do peixe»

B.M. / L.L.

A MARIÑA

22 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Mercedes Rodríguez, xerente da Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP), participou o luns nun encontro que se celebrou en Santiago, organizado pola Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) para propoñer medidas ante a crise económica. Mañá participará na feira Sinaval, de Bilbao, un encontro dos sectores pesqueiro, naval, marítimo e portuario, para coñecer, nun espazo de 20.000 metros cadrados, as últimas tecnoloxías e servizos nestes campos.

-¿Como transcorreu o encontro que celebraron en Santiago?

-Foi unha reunión de tres horas na que o presidente da CEG, Antonio Fontenla, comezou o acto facendo unha presentación e realizando unha análise dos problemas aos que se enfronta o sector. Despois, distintos representantes empresariais fixeron propostas, algunhas comúns para todos, como é a busca de liquidez para ter solvencia de forma inmediata, e tamén se trataron cuestións máis concretas para cada sector.

-¿Que valoración fai desta reunión?

-Foi un encontro interesante e produtivo, no que quedou clara a necesidade de obter financiamento e, para iso, a intervención das Administracións, por exemplo mediante os préstamos ICO e buscando tamén a axuda do Igape (Instituto Galego de Promoción Económica).

-¿Que medidas habería que tomar no caso concreto da pesca na Mariña?

-Hai unha serie de medidas xerais, comúns, como é dotar de financiamento e solvencia ás empresas que teñen problemas graves de liquidez. E no caso da Mariña, hai que mellorar os prezos para facilitar a comercialización pesqueira.

-¿Cales son os motivos desta crise na zona?

-Non hai que esquecer que a crise é global, e provoca que a xente consuma pouco e que os nosos produtos non se valoricen. Ademais, temos uns altos custes de explotación. Primeiro foi o incremento dos prezos do combustible, que agora xa baixaron, pero o sector pesqueiro na Mariña non pode ter unha alta rendibilidade debido á caída dos prezos do peixe.

-¿En que consistirá a súa participación na feira Sinaval?

-Sinaval empezou onte e prolongarase ata o venres. Eu irei mañá para participar nunha xornada organizada por Cepesca sobre tripulacións no ámbito pesqueiro e a formación dos profesionais do mar. O cadro de tripulacións mínimas quedou obsoleto, xa que está en vigor desde os anos sesenta, e mesmo fala de barcos de vapor. Por iso, hai que poñelo ao día e poñer en común os nosos plantexamentos. Tamén asistirei o venres para participar nun grupo de traballo.