«Non son un profesor que deixe indiferente, teño fama de duro pero son moi brando»

A MARIÑA

Este ensinante vocacional, activista da lingua, lembra a súa etapa de estudiante e fala da súa relación cos alumnos

28 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A primeira escola de Bernardo Penabade Rei (Grañas do Sor, Mañón, 1964) atopábase nunha vivenda particular. «Era unha unitaria e estaba nunha sala, riba da corte da casa, sentiamos os animais... Comecei aos seis anos, foi cando comecei a ler, instruído ademais de pola mestra, de Ferrol, por unha irmá seis anos maior ca min. Eramos 30 ou 40 nenos e nenas, desde 6 ata 17 anos», conta. Alí, en Grañas do Sor, cursou de primeiro ata sétimo da EXB de entón. Oitavo fíxoo no Barqueiro, «no que chamaban a concentración, un nome feo, e feo tamén era saír ás sete da mañá e volver ás cinco da tarde sen comer».

Daquela etapa lembra, por encima de todos os demais, a unha ensinante, Elena Forján Cortiñas, de Iria Flavia, que aínda está en exercicio, en Madrid. «Foi unha das mellores mestras que tiven na miña vida, que fixo que foramos ao colexio do Barqueiro cun nivel superior ao que tiñan o resto dos nenos. Foi decisiva na miña vida». De feito, explica, «hai uns anos tiven unha experiencia de ensino con inmigrantes e tentei aplicar a estratexia didáctica que aquela muller aplicou con nós, e nun congreso específico sobre atención ao alumnado inmigrante, dediqueille a miña intervención. Fun un privilexiado por ser alumno seu».

Rematou oitavo e inscribiuse no instituto de Ortigueira, que abriu con el. Daquel paso garda unha anécdota curiosa: «Tiñamos unha mestra de fóra, que non entendía a nosa realidade. Diplomámonos 11 no colexio, a nove deulles unha certificación de ter acabado, metida nun sobre, e díxolles que a tiñan que levar ao instituto de Viveiro, porque aínda non había o de Ortigueira. E aos dous aldeáns díxonos que non nos preocupáramos polo papel porque para coidar das vacas nos valía igual». A sorte foi que ese mesmo ano, 1978, se estreou o centro de ensinanza secundaria de Ortigueira. «Foi unha oportunidade», constata Penabade Rei.

Mestres decisivos

O profesorado de BUP e COU tamén foi decisivo para o seu porvir. Xente como o agora recoñecido fotógrafo Manuel Vilariño, Enrique Tello (que era o director do centro e logo foi deputado) ou María Luisa Desentre Miguel, aragonesa que lle deu clases de Historia do Arte, resultaron determinantes. Os inicios foron moi duros. «O periodo de adaptación foi moi difícil porque había un desequilibrio de nivel tremendo entre a escola que nós levabamos e o instituto. Por iso teño especial sensibilidade no ensino cos pasos de nivel», suliña Bernardo.

As cousas foron algo mellor en terceiro de BUP e en COU, pois o profesorado «era máis consciente das limitacións» daqueles rapaces e soubéronse poñer ao seu nivel e sacalos adiante, comenta. Despois veu a selectividade e o ingreso na Facultade de Filoloxía Hispánica de Santiago. «Escollín esta carreira porque o fillo dun mestre, que era o mellor alumno do colexio, tamén ía facer Filoloxía e entendín que se era bo para el tamén o sería para min», relata. Os catro irmáns de Bernardo foron emigrantes e gracias «aos recursos que viñeron de Inglaterra», os da casa «e dúas tías que foron boas samaritanas», el puido afrontar a formación universitaria.

«Nunca me sentín a flote antes do final de terceiro de carreira -confesa-. Aí si porque abriu a Televisión de Galicia e comecei a traballar como traductor, axustador e dobrador. Fixen moitas series de debuxos animados para o público infantil. Os dos últimos anos de carreira fun un estudiante privilexiado porque tiña cartos. Ese foi o primeiro lucro que eu lle vin a ter uns estudios».

Penabade Rei opositou en 1990. «Déronme a nota un día do cumpreanos (o 12 de xullo), estando de guía cun grupo de alumnos en Santiago, entre eles Sechu Sende, hoxe escritor», sinala. Pasou un ano de mestre interino en Viveiro e voltou ao instituto ortegano, un ano de prácticas. «Foi un reencontro coa vila e cos profesores». Entre 1991 e o cambio de século, traballou no IES Vilar Ponte, en Viveiro. Pero xa en setembro 1990 se fora vivir a Burela porque alí, asegura, «a vivenda era máis barata que en Viveiro». Ata que un compañeiro pediu o traslado e pasou á súa praza no IES Perdouro, en Burela, «para deixar de conducir e ir a pé ao traballo».

Bernardo descubriu Burela a través da revista O Trasno , unha publicación local da década dos 80 do século pasado. «Conseguina para facer un traballo en cuarto de carreira, dende entón fun suscriptor e tiven correspondencia con xente de Burela, como Suso de Dorna, que atendía as miñas consultas. A través das páxinas de O Trasno estaba ao tanto do que era a vila».

Non hai casos imposibles

«Se algún título me tivesen que dar -apunta- é o de especial sensibilidade para casos imposibles. Teño un bo tacto para alumnos con problemas, especialmente con problemas de actitude, teño sacado moitos adiante. Prefería ter máis méritos co conxunto da clase, pero teño especial talento para eses». Este mestre vocacional, que sempre impartiu clases de Lingua e Literatura Galega (ata que se crearon os grupos de garantía social e pasou a ser profesor de Historia, Castelán e Galego, 'profesor das catro regras', gramaticais e tamén matemáticas), está especialmente satisfeito de que no instituto viveirense, «sendo un lugar socioloxicamente adverso» durante tres anos seguidos obtiveron os mellores resultados de Galicia.

¿Por que socioloxicamente adverso? «En Viveiro a cultura galega está moi instalada nas clases cultas da vila, intramuros ten moitísimo prestixio, pero tamén hai detractores, anque non moi numerosos si moi ben situados socioloxicamente, en postos de moita relevancia, que en moitos momentos non facilitaron moito o traballo», explica.

Sen lugar para a indiferencia

Penabade Rei sostén que calquer mestre aspiraría a dicir que a súa relación cos rapaces é extraordinaria. No seu caso, di, «ten claroscuros». «Non son un profesor que deixe indiferente, a algúns lógrolles transmitir o entusiasmo e a sensibilidade para escribir e expresarse,???????e teño tamén unha porcentaxe de detractores, é un reto conseguir que sexa cada vez máis pequena». Recoñece que ten fama de profesor duro, a pesar de calificarse de «excesivamente brando». «As estatísticas cantan, nunca hai un suspenso de máis dun 10 ou un 15 por cento».

Este mariñán de Grañas do Sor -«cando era pequeno vivir alí era unha condena porque non había transporte e estabamos lonxe de todo; pero hoxe cambiaron os tempos. De pequeno soñaba con escapar e agora soño con voltar»- ten traballos ensaísticos e é autor de libros de texto, sobre todo na área sociolingüística e de didáctica, que constitúen as súas paixóns.

Aos alumnos, Penabade Rei recoméndalles «libros interesantes en todos os xéneros». «Non hai que limitarse á narrativa, penso que son moi gratificantes a poesía e o ensaio e gústanme moito os libros de conversas, con Suso de Toro, Xosé Luis Méndez Ferrín, Carballo Calero, Manuel Beiras, Camilo Nogueira... E os clásicos de ensaio. Sempre lles digo aos alumnos que por agora non se metan con libros difíciles nos que vaian naufragar, para non collerlle aversión á lectura. Con Arredor de si , de Otero Pedrayo, o alumno común hoxe fracasaría», asevera.

Ler para outros

O seu libro de cabeceira, afirma Bernardo, «é cambiante». Nun xesto de xenerosidade, admite que busca «sempre ler para outros, para encontrar aquilo que pode ser entendido polos alumnos». Fóra da escola, a este home culto e locuaz encántalle viaxar e tamén os espectáculos teatrais ou de ópera. E a tertulia, «iso que non falte».