Aos ollos dun dramaturgo autodidacta, sen ningún referente e que segue as ideas de Lope de Vega, é satisfactorio comprobar como medra na comarca o interese do público polas compañías de teatro afeccionado. Tamén, constatar a ilusión dalgúns técnicos de cultura dispostos a descubrirlle ao cidadán o que se cociña na comarca.
Na última década viviu mil anécdotas. Instámolo a que nos conte algunha e non pode evitar recrearse con elas. Sería imposible pedirlle que se esquecera dos comentarios que o público lle fai cando cae o telón. Son o alento para seguir creando, para imaxinar un mundo a un ritmo distinto, unha conciencia reflexiva. A narrativa tamén lle dá satisfaccións «pero non tantas como o teatro». Leva dous anos investigando a figura do Gardarríos e traballando nun libro sobre a historia do teatro afeccionado da Mariña.