«Estar en Londres nun ambiente cultural e académico moi vivo, cambioume moitas cousas»

L. P.

A MARIÑA

08 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A xoven escritora ribadense Eva Moreda participou onte no recital conxunto de poetas de Galicia e da terra Eo-Navia, que tivo lugar pola tarde no auditorio de Ribadeo. Acaba de volver de Londres, onde está residindo na actualidade, e síntese satisfeita por esta iniciativa novidosa que serve para unir a poetas galegos e asturianos nun recital conxunto por primeira vez.

-¿Que tal por Londres?

-Ben, estou a facer a tese de doutoramento na Universidade de Londres sobre Historia da Música. Levo dous anos e quédame aínda un ano máis. A verdade é que estar en Londres, nun ambiente cultural e académico moi vivos, cambioume moitas cousas, moitas perspectivas e visións, e está a ser moi enriquecedor para min nese senso.

-¿Non se bota de menos a tranquilidade dunha vila pequena como Ribadeo?

-Veño tres veces ao ano como mínimo; a última vez estiven aquí en setembro e antes no verán. Agora ademais con Internet xa non é mesmo; as distancias xa non o son tanto, xa é outra cousa.

-¿E a tese deixa tempo tamén para dedicarse á literatura, para escribir?

-Si, de feito teño rematada unha novela sobre a rapa das besta, que aquí está moi arraigada pero que sen embargo, na literatura non é un tema moi tratado. A min impactoume moito este ritual. Tamén estou a traballar agora noutra novela sobre a emigración, que si é un tema moi tratado, pero que enfoco desde un punto de vista novidoso, como é o lingüístico; a ruptura que supón para o emigrante o cambio non só de país, senón tamén de cultura e de lingua. E, en fin, tamén estou a escribir poemas e a experimentar nesa nova liña coa poesía a ver que sae. Chamáronme, de feito, para vir a recitar aquí a Ribadeo hoxe e sorprendeume porque eu apenas teño nada publicado de poesía, pero isto motivoume a transitar os camiños novos para min da poesía e niso estou tamén, no tempo que me deixa libre a tese de doutoramento.