«A arte ten que ter un discurso de compromiso coa sociedade»

La Voz

A MARIÑA

Guerreiro está considerado unha das pezas importantes do realismo galego. Pintor de estacións de trens, cidades e faros, a súa obra cotiza á alza

26 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Xoán Guerreiro está considerado como un dos mellores representantes do realismo galego en pintura, e cando se lle pregunta por esta consideración, reflexiona en voz alta: «Egolatría, egocentrismo ou egoísmo son tres características que se dan aos artistas. Posiblemente sexan fundamentais para a superación da obra. Pero o que non podes é telo a nivel popular, tes que ser a mesma persoa, ser fiel ás raíces. Eu non deixo de ser dun pobo, e crieime nun ambiente no que a relación coa xente é fundamental. Posiblemente sexa un dos máis representativos do realismo galego, pero tamén é verdade que hoxe pouca xente pinta figuración, a maioría das expresións artísticas vai por outros derroteiros, polo que é difícil sobresaír».

A pintura de Guerreiro cotiza desde fai tempo á alza. O cadro vendido a maior prezo ata este momento acadou os 18.000 euros, aunque el mesmo recoñece que ten obra máis cara, que pode chegar ata os 24.000 euros. Tamén é posible ter unha obra do pintor xovense por 3.000 euros. Vive da pintura, unha opción á que optou co a poio de Rosa, a súa compañeira, e que levou aparellado deixar un emprego estable na factoría de Alúmina Aluminio. «Creo no pracer de vivir sen grandes estrondos. O de deixar a fábrica foi un pensamento que tiven comigo, tendo en conta que a fábrica ten no pobo unha valoración moi forte, porque de Ribadeo a Viveiro é unha forma de vida. Foi Rosa a que me lanzou ao vacío. Fora deso, as demais opinións non me interesaban», di. Guerreiro recoñece que dedicarse a crear sen ter un respaldo económico «é difícil nestes tempos, iso do romanticismo de Montmartre e Montparnasse, acabouse. Traballaba e pintaba á vez, e cando vin que as exposicións me daban o mantemento que necesitaba deixei de traballar».

O pintor xovense é ademais fiel a si mesmo, e sinala que «quizás o tránsito pola vida me deu esta personalidade, seguir mantendo os meus criterios, non ser cambiante nin pola obra nin polo estatus que che da a sociedade».

Os faros, as estacións de trens, as cidades forman parte da súa persoal forma de entender a pintura en canto a temática, que ademais é comprometida coa sociedade que o circunda. «As prioridades que ten para min a arte, aparte de vivir, que é importante, é que ten que ter un discurso de compromiso. Plasmar o que pasa ao teu arredor sen ser panfletario. Quizá o do tren , a viaxe, ten unhas connotacións de soidade, de distancia, de emigración, de volta, de regreso...», engade. Afirma que nesa liña, a exposición mais comprometida, con mexase, foi a que fixo dedicada aos faros, desde Fisterra a Malpica, cando foi o do Prestige .

«Esa época coincidiume en Madrid, e a información que me chegaba cambiaba según a canle que estiveras mirando e o político que estivera falando. cando regresei e vin a costa caeume a alma aos pes. Un pouco era un desahucio da costa. Eu non enviei unha mensaxe panfletaria con nada, senón que representei a costa amparada na visión na visión dos faros, collín a zona mais castigada, e en vez de tirar o chapapote polo chan escurecín os ceos. Era a miña visión persoal do que estaba sufrindo a costa», explica.