O historiador Carlos Baliñas explicará hoxe en Lourenzá por que neste concello e no de Ribadeo se concentraron a meirande parte dos centros entre o ano 700 e o 1100
02 dic 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Sobre os monxes e as comunidades monásticas altomedievais esquecidas da comarca disertará esta mañá en Lourenzá o profesor de Humanidades, Carlos Baliñas Pérez, dentro das cuartas Xornadas de Estudos Medievais da Mariña Central. Compartirá a ponencia co investigador Carlos Andrés González, hoxe bolseiro na universidade lusa de Porto. -¿En que centraron as tarefas de investigación? -Desenvolvemos un proxecto de coñecemento, eu ocupeime de fixar as grandes liñas e colaborei na interpretación, pero o traballo de campo fíxoo el (Carlos Andrés González). Partiamos de que a diocese de Mondoñedo é pobre e mal representada, na que parece que ao revés que noutras zonas o monacato non prendeu. Atopámonos con que moita documentación se perdera polas peripecias sufridas por varias institucións e polos arquivos diocesano e catedralicio de Mondoñedo e, segundo, con que normalmente as grandes dioceses, que foron basicamente a base das provincias históricas coñeceron unha gran estabilidade, menos o caso da diocese de Mondoñedo, que ten unhas orixes en Britonia no tempo dos suevos, logo pasa a San Martiño de Foz, logo a Ribadeo, e xa entrado o século XII, e tras unhas idas e voltas, se asenta en Mondoñedo. Falta un punto central que aglutinara ou organizara a vida relixiosa na zona. -¿Cantos mosteiros teñen contabilizados? -Aínda que desgraciadamente só contamos ás veces con mencións, temos constatados un total de 17 mosteiros fundados ou presentes no que hoxe é A Mariña. Entre os anos 700 e 1100, que é o período que estudamos, atopámonos catro mosteiros na Mariña occidental: San Xoán de Celeiro, en Viveiro; San Estevo de Sumoas e San Tirso de Portocelo, ambos en Xove, e Illa Coelleira (O Vicedo): oito na Mariña central, San Salvador e Santa María, San Adriano, San Xurxo e San Fiz e os Macabeos de Cazolga, os catro en Lourenzá; Santa María Maior e Santa María de Vilamor en Mondoñedo, Santa María de Bacoi en Alfoz, o mosteiro de Bermun no Valadouro e logo, San Martiño de Mondoñedo en Foz, que analizaremos ata que punto se pode considerar se era un mosteiro ou unha catedral co seu cabido; e cinco na Oriental, todos eles en Ribadeo, Santa María de Azanza, Santa María de Cedofeita, Santaballa de Ermolfi, na Devesa; San Martiño de Esperantón, en San Xoán de Ove, e San Martiño Escalarense; este posiblemente estivera na ría de Abres. -¿Cal é a fase que máis destacaría do traballo? -O máis interesante foi a identificación de moitos deles, un labor detectivesco feito por Carlos González, natural de Alfoz. -¿Resulta doado manexar determinada documentación? -Non é toda a documentación que quixeramos e en moitos casos só temos mencións. Moitos destes mosteiros non soan; outros parece que si porque deron nome a algunha parroquia. Na súa inmensa maioría, ao longo dos séculos XI e XII, van desaparecendo progresivamente. Esta é outra razón pola que o monacato non prendeu na Mariña. -¿Por que non teñen continuidade? -Trátase en moitos casos de mosteiros fundados por unha familia nas súas propias terras. Entre os anos 1050 a 1150 téndese á supresión destes mosteiros para implantar o monacato que hoxe en día coñecemos. Moitos deles desaparecen tamén porque eran moi pequeniños, normalmente suman as súas propiedades, imaxes, obxectos de culto e os ornamentos eclesiásticos a un mosteiro bastante grande. Lourenzá concentra moitos destes, e por iso, só San Salvador e Santa María sobrevive ata fins da Idade Media, medra extraordinariamente e coñece un segundo momento de auxe no século XVIII. Tamén o mosteiro da Coelleira, cunha certa tendencia eremítica, sobreviviu ata o século XV. Por certo, a lenda dos templarios é só iso, unha lenda. -¿Algúns historiadores recoñecen que a etapa altomedieval é das menos investigadas? -Profesionalmente son altomedievalista, pero si que foi unha etapa tradicionalmente esquecida na historia de Galicia, xunto cos séculos XVI e XVII son as épocas máis descoidadas na investigación. Conste que nos últimos 25 anos a Alta Idade Media ten coñecido un novo auxe e se teñen realizado máis avances que nola revelan como un momento decisivo na constitución de Galicia como rexión. -¿Cal foi a aportación dos monxes a territorios como as terras mariñanas? -Na Alta Idade Media non existe o concepto propiamente de orde relixiosa. O monacato é a punta de lanza da cristianización de Galicia. Estes centros monásticos eran grandes centros educativos, sociais e económicos. Reis e bispos facilitaban o asentamento relixioso pensando na ordenación do poboamento da economía. Vese no impulso da zona de Ribadeo ou na de Burela. Neste último caso non tiña mosteiro, pero había granxas e dependencias monásticas relacionadas con Lourenzá. Burela xa existía hai máis de mil anos, grazas ao impulso destas congregacións.