A TRIBUNA | O |

14 sep 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

DEIXARA o grifo aberto, botando auga morniña para bañar ao neno. Sorprendeuse ao atoparse a bañeira ocupada por un líquido de cor marrón. Non foi quen de reprimirse e soltou un taco. ¿Quen demo faría aquelo? ¿Sería unha trastada do rapaz? Mentras trataba de racionalizar algunha explicación, meteu a man na auga, non sen certo noxo. Baleirou a bañeira e empezou a enchela de novo. Mais o líquido que saía polo grifo seguía a ser igualiño de marrón. Cansa, quentou auga mineral nunha pota para asear ao cativo. Máis tarde, acendeu a televisión. Falaban dun novo tratamento, a fangoterapia, moi en boga, decían. Descobreu que os baños de auga e lodo absorbían toxinas, aportaban minerais e ata permitían combatir a celulite. Comparou as imaxes da tele co líquido que botaba o seu grifo. Non era o mesmo, pero ao mellor tamén valía. Como non hai mal que por ben non veña, pensou en darlle as grazas a quen lle facilitaba tan moderna terapia na súa casa de Viveiro e, de paso, en preguntarlle que debía facer cando quixera ter a auga de sempre, sen colorantes gratuitos.