O deber e a ética do fútbol

A MARIÑA

A TRIBUNA | O |

24 jun 2003 . Actualizado a las 07:00 h.

UN NON SABE se aínda están vixentes certos tópicos contra o fútbol ou se xa se pode dicir abertamente que algúns gustos están por enriba de prexuízos. Se se acepta a segunda hipótese, pódese lembrar a afección ó fútbol de escritores como Miguel Delibes ou Albert Camus, pouco sospeitosos de frivolidade. O primeiro ten escrito sobre os partidos que xogaba en Valladolid na súa mocidade e sobre cuestións tan pouco atendidas como as escasez de orixinalidade e de talento dos locutores que transmiten os encontros por televisión. E co segundo, que tamén xogou sendo novo, asóciase unha frase que dende logo podería e debería provocar algunha reflexión: «Todo o que sei do deber e da ética do home aprendino nun campo de fútbol», dixo. Talvez sería demasiado lembrarlles esa frase a algunhas figuras de hoxe, esas que gañan millóns de euros e viven nunha burbulla de plástico que a ninguén lle interesa romper. Pero quizais chegue un día no que o fútbol modesto -o que se pode e debe xogar en Mondoñedo, Ribadeo, Foz ou Tapia- volva ser un xogo sen máis premio có bocadillo e entón os futbolistas e os afeccionados poderemos recordar algunhas frases.