«A xente aínda non se achega á arte con normalidade»

A MARIÑA

XAIME F. RAMALLAL

O ceramista e escultor nado en Mondoñedo pide museos dinámicos en vilas pequenas para que a xente teña máis posibilidades de coñecer e valorar obras contemporáneas

04 ene 2003 . Actualizado a las 06:00 h.

Preto de Foz, a poucos quilómetros da costa, a catedral de San Martiño ten un sitio propio na historia, na arte e nas lendas. E moi preto dese emblemático edificio, ó outro lado da estrada que vén da capital do concello, está dende hai algún tempo o estudio do escultor e ceramista Daniel Río, Caxigueiro. A poucos metros da catedral que sorprende polo seu románico deséñanse e elabóranse pezas nun proceso creador plenamente consciente do espacio e do tempo no que se conciben. Vendo o estudio de Caxigueiro, que ten amplas ventás para recibir con xenerosidade o sol da mañá, semella comprobarse que o artista comparte a idea de que a inspiración é froito do traballo. -Vostede expón con frecuencia nas principais cidades galegas e fóra de Galicia. Creo que é máis coñecido fóra ca dentro. ¿É certo? -É unha realidade. Expoño moito máis fóra ca aquí porque hai máis interese, máis espacios, e iso xa limita moito. E tampouco hai unha preocupación especial das autoridades e institucións para facer unha programación estable. Montar unha exposición é un esforzo de seis ou sete meses e tes que recibir a cambio algunha receptividade que, polo que eu penso, non hai aquí. Tampouco culpo á xente... Un deber das institucións é o de ofrecer espacios para que a xente se achegue á arte con normalidade. Poño o exemplo do teatro: por aquí, na Mariña, comezan a verse as mesmas obras ca no resto de Galicia e ninguén se escandaliza. E, insisto no da arte, non falo só de min: as exposicións que se fan son un pouco estériles porque fai falta unha programación seria e duradeira. -¿Hai algunha medida para que en vilas e cidades pequenas, da Mariña ou doutras zonas, se fagan montaxes artísticas que agora non hai? -Non hai ningún tabú. A Mariña merece ter un espacio cunha dignidade e unha infraestructura mínima para que a xente se achegue á arte sen interferencias. Ten que haber neses sitios unha persoa que saiba de arte, que estableza vencellos con outras iniciativas... É coma todo: falta de vontade política, de darlle á xente prestacións que son necesarias para un desenvolvemento vital axeitado. Nas grandes cidades, penso eu, déronse conta de que isto é importante e comeza a haber museos importantes: o outro día, por exemplo, estiven no Marco de Vigo e estaba cheo. Non digo que sexan necesarios centros tan pretenciosos, pero podíase pensar nunha rede máis modesta, que incluíse, por exemplo, Viveiro, Ribadeo, Burela, Mondoñedo... Só fai falta un espacio e pouco máis. Os políticos van por detrás das necesidades da xente. -É dicir, hai que darlle á xente medios para que coñeza cousas novas, para que poida elixir mellor os seus gustos. -Os gustos están condicionados polo descoñecemento. Non se lle pode pedir á xente que acepte linguaxes contemporáneas se non as coñece. Ve algunha cousa como unha provocación, e iso débese a que non tivo unha relación normal coa creación plástica. Pero ocorre aquí e noutros sitios; e tamén é normal que unha vez que a achegas, a xente entenda esas cousas e se relacione con elas estupendamente. -Falou dun museo novo. ¿Non ocorre tamén que predomina unha concepción un pouco arqueolóxica da arte? Eu creo que a xente valora que se garden e se exhiban pezas de cerámica castrexa ou de arte medieval, pero talvez lle custe máis imaxinar un museo como un centro máis dinámico, menos pechado. -Si. Pero os museos de arte contemporánea son hoxe centros vivos: non se expón toda a obra senón que se organizan exposicións temporais que ofrecen obra de todo tipo sen prexuízos: escultura, cerámica, fotografía... -E iso , ¿ten que ser exclusivo das grandes cidades ou pódese aplicar en vilas e en cidades pequenas? -Eu creo que se vai ir conseguindo. Pódese pensar, por exemplo, en centros pequenos que fagan exposicións conxuntas, con ofertas que vaian rotando, con catálogos... E insisto: entre todos non é tan caro. -Coñéceno fóra, pero vive aquí. -Sempre me interesou máis a relación con Galicia cá de fóra. Non sei se foi un erro ou non; pero vendo que pasa o tempo e o desprezo da sociedade galega consigo mesma, co idioma, coa natureza, co urbanismo, o feito de saír fóra talvez che dea máis capacidade de influír. Parece que se recoñece máis o de fóra, porque Galicia segue a ser un país onde os artistas plásticos teñen poucas posibilidades. Creo que lles dan pouca importancia os poderes públicos e as institucións, e non é algo que me pase a min senón que capto no ambiente. De tódolos xeitos, parte do que fago ten a súa orixe aquí: a última exposición que fixen na Coruña é unha parodia das festas gastronómicas. Quero reflexionar sobre actitudes nosas: algunhas son estupendas e outras semellan un freo ó desenvolvemento.