XOSÉ MARÍA PALACIOS A ENTREVISTA Xoán Guerreiro, pintor de Xove incluído nunha exposición da capitalidade cultural de Santiago O pintor Xoán Guerreiro viaxou onte a Santiago. Case se pode dicir que o fixo en misión diplomática, como embaixador artístico da Mariña. A representación complétase co escultor Daniel Río, Caxigueiro. Guerreiro amósase moi satisfeito de ter sido seleccionado, pero quéixase de que na Mariña non haxa demasiadas oportunidades para os artistas de aquí. Sen embargo, Guerreiro defende o potencial creativo desta comarca da costa lucense.
05 sep 2000 . Actualizado a las 07:00 h.A mostra, titulada Diálogos co silencio, instalouse na igrexa de San Domingos de Bonaval. Está composta por dezaoito artistas de toda Galicia, nove pintores e nove escultores. Guerreiro aporta á exposición dúas obras, traballadas en óleo sobre madeira. Os cadros representan dúas estacións de camiño de ferro, a de Santiago de Compostela e a terminal de mercadorías da Coruña. Aínda que a inauguración estaba prevista para o serán, pola mañá xa se presentou o catálogo. _Hai varias semanas, na rolda de prensa que vostede ofreceu con Caxigueiro en San Cibrao para explica-la súa inclusión neste proxecto, comentouse que na Mariña fan falta máis locais para exposicións. ¿Hai que saír fóra para ser recoñecido? _Ata certo punto penso que si, pero por unha razón moi sinxela: para face-lo que estamos facendo en Santiago, na Mariña non hai sitio. O que se debe subliñar é que na Mariña hai pouco investimento en cultura. _¿Debe verse como mostra de desinterese? _Non é só desinterese. Eu son de Xove; Caxigueiro, de Mondoñedo... Creo que as entidades oficiais non teñen visión de futuro cara á arte. Tivemo-la sorte de nacer na Mariña, e quizais deberían aproveitarse algunhas cuestións: igual que se exporta turismo ou marisco, deberíase exportar arte. _Entón, ¿hai ou non desinterese polo asunto? _Non é só deinterese. Non falo só de nós: na Mariña, por exemplo, naceu Maruja Mallo, que era de Viveiro. Tes que saír de aquí se queres ser coñecido nalgúns ámbitos; agora, felizmente, somos coñecidos fóra. _¿Non se podería ensaia-la celebración de exposicións conxuntas, nas que se incluísen artistas de aquí? _Xa non son cuestións nosas. Pero xa ves: tes que esperar a unha capitalidade cultural para que recollan a túa obra e cha recoñezan. Non obstante, iso non impediría que na Mariña non se fixese algo semellante ó de agora. _¿Quedou contento da montaxe da exposición? _O que busquei coas miñas obras foi que dialogasen o continente co contido.