O centro amplía horarios e calendario porque «é tempo de teatro»
22 jul 2026 . Actualizado a las 20:50 h.O Centro Dramático Galego (CDG) xa ten pechada a tempada setembro 2026/xullo 2027 con dezaseis obras, dúas delas producións propias, once coproducións e tres reposicións. Se o lema da pasada tempada foi «O teatro é o encontro», co desta, «Tempo de teatro», o CDG modifica horarios con representacións ás 18 horas e ao mediodía, e estende a súa programación aplicando así a filosofía de que, efectivamente este é tempo de teatro.
A reposición en setembro de A serie clopen, Memorias dun neno Labrego (sen data) e Hamlet (xaneiro) xorde da idea de que «nos tempos da obsolescencia programada pode que repoñer un espectáculo, darlle unha nova vida, sexa un acto político de resistencia».
As cifras acompañan este argumentario xa que nestas obras sairán a escena 80 actores e actrices co apoio de cen profesionais dos equipos de creación. Todo para superar as 120 funcións no Salón Teatro de Compostela e 150 representacións en outros tantos municipios e un servizo complementario de autobús para que o público teña facilidades para achegarse alí onde o CDG suba o pano.
As apostas propias serán Isto tamén é Sargadelos, de Ana Fontenla e Celina Fernández. «A historia de Sargadelos faise corpo, palabra e cerámica» di o texto da súa presentación, ao que Fontenla e Fernández engaden que a peza desvelará moitos aspectos descoñecidos da historia de Sargadelos e reivindicará o legado das traballadoras, incluída Carmen Arias de Castro. A obra estrearase o 19 de febreiro con funcións ata o 21 de marzo.
Por orde de datas, a segunda aposta propia do CDG será Eurídice, de Sarah Ruhl. A estrea está programada para o 9 de abril e continuará as representacións ata o 23 de maio. Esta revisión do mito de Orfeo e Eurídice desde a perspectiva dela, ao igual que a obra sobre Sargadelos, non ten pechados os horarios das representacións.
A nova tempada comezará o 3 de setembro coa coprodución do CDG co Teatro nacional de Luxemburgo e o Teatro São Carlos de Lisboa. No Kings Vol I: Molestia, parte de textos de Shakespeare e supón un proxecto creado ao abeiro das residencias Descartes da Cidade da Cultura e na que só se van coñecendo os textos que se van descartando.
O 20 de setembro estrearase no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e o 16 de outubro no Salón Teatro Less Dragqueens and more Chunorris! Esta obra do CDG con ALÓproducions dálle unha volta cómica á masculinidade. O 11 de outubro, á sala do CDG chega Dolce far niente, de Lucía Satta, proxecto gañador do Xuventude Crea 2025.
O 7 de novembro estréase en Ferrol A Culpa, un thriller teatral que pon en escena a novela de María Solar, en coprodución con Estudo Momento. Ese mesmo día en Portugal, e o 17 de novembro en Santiago, sae a escena E se o meu coraçao parar, coa revolución lusa do 25 de abril de fondo. O calendario continúa con Auto da barca do inferno, con representacións no auditorio de Santiago o 16 e 17 de xaneiro. Segue con Sacra, de Vanessa Sotelo no Salón Teatro o 15 de decembro e na sala Artika de Vigo o 13 e 14 de febreiro, unha reflexión sobre o coidado do patrimonio e a morte.
Sen data concreta para Galicia pero si o mes, xullo do 2027, representarase Aquí non paga ninguén, a partir de textos de Darío Fo, a estrear o 10 de abril en Portugal con artistas de varias nacionalidades unindo forzas.
Xelmírez, e o seu espolio a favor de Compostela, estrearase no primeiro semestre do 2027, e As catro estacións, no segundo.