Xose A. Touriñán, actor: «O recordo máis chulo que teño dos veráns é dos meus amigos de aquí»

AL SOL

Xosé A. Touriñán na súa actuación do Festival Noroeste.
Xosé A. Touriñán na súa actuación do Festival Noroeste. CESAR QUIAN

O actor pasa o verán en Santiago de Castelo (Culleredo), a súa aldea natal.

24 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Sobran palabras para presentar a Xosé Antonio Touriñán (Castelo,1979), un comunicador nato, que se adapta e se redescubre a cada pouco. Entre os seus proxectos fai algunha parada, porque «os pallasos tamén temos que descansar de cando en vez». Nas vacacións, Touri segue creando e sacando sorrisos.

—Como recordas os teus veráns de pequeno?

—Acórdoo o noventa por cento en Castelo cos amigos. Saiamos da casa pola mañá e volvíamos case á noite. Colliamos as bicicletas e bañabámonos no río ou na piscina dos da urbanización.

—Todo o día fóra da casa entón.

—Si. O recordo máis chulo que teño dos veráns é dos meus amigos de aquí. Nunca fun moito de ir de viaxe.

—Moitos deses amigos están relacionados co festival que organizades, o Castelo Conta?

—Claro. Somos amigos desde pequenos e xa con 20 anos recuperamos a comisión de festas para facer festas no verán. Medramos aquí e tivemos unha relación moi forte entre nós para organizar actividades na zona.

—Como é iso de traballar en equipo con amigos como Carlos Blanco ou David Perdomo?

—Que che vou contar? Eu creo que é o mellor de todo. En calquera profesión é un privilexio e unha sorte. Por riba vainos ben, que é algo que non está asegurado no noso oficio. Neste caso traballar cuns tíos con tanto talento para min é estar aprendendo todo o tempo.

—Defíneste como actor case sen querer.

—Sempre digo que foi a profesión a que me escolleu a min. Hai xente que di que desde pequeno sabe que ía ser actor. No meu caso, nunca se me pasara pola cabeza. Facía teatro no cole e sempre o pasaba fatal cando me obrigaban a facer unha obra. Todo empezou medio en broma con Marcos Pereiro.

—Xa comezarades no instituto?

—Fomos a escola xuntos e todo. Empezamos a facer teatro e despois empezaron a pagarnos. A min sempre me gustou ver teatro, cine e series pero tamén quero ver, probar e aprender de todo. Formándonos e traballando ao mesmo tempo.

—Comentan moitos na profesión o tema do medo escénico.

—Eu nunca tiven a sensación de ter medo escénico porque lle din pouca importancia. Facer rir a xente é marabilloso e sanador pero non está en xogo a vida de ninguén. Recordo estar máis nervioso días puntuais como no Club da Comedia ou con Tourilandia, cando sentía mais responsabilidade. O peor que podes facer con iso é deixar que te bloquee.

—Fas rir a moita xente a través da comedia pero tamén te vimos en papeis máis serios como «Fariña» ou «Clanes». Como é a sensación de escapar do Touriñán mais riseiro?

—É unha sensación marabillosa que nos permitan facer todo tipo de personaxes. É curioso porque aquí en Galicia a xente dime: «vinte en Clanes, eu xa sei que non es malo» ou «non me pegas de malo». En Madrid, moita xente viume facendo de cabronazo en Fariña ou El Desorden que Dejas e estráñase de verme facendo comedia. Cando Javi Veiga me propuxo no elenco de Pequeñas coincidencias, o de Antena 3 asustou: Touriñán facendo comedia? As persoas non temos os mesmos referentes e iso tamén é moi bo. Estou orgulloso de como me perciben tanto aquí como en Madrid.

—Entre xiras e proxectos, tes mais traballo ou mais descanso durante o verán?

—Non é moi diferente ao resto do ano. Tiña a sensación de que ía ser un verán máis tranquilo pero sempre se complica todo. Nos teatros por exemplo trabállase menos durante o verán en Galicia porque non é temporada. Pero despois hai bolos, monólogos, e algún evento. Este ano estamos preparando a entrega final de Somos Criminais con Carlos Blanco. Estou tamén ensaiando unha peli que se comezará a rodar en setembro, Rondallas, con Daniel Sánchez Arévalo e Bambú Producciones.

—Xa levades case dez edicións do Castelo Conta, como variaron os teus veráns?

—Antes estabamos ocupados con máis verbenas e pregóns. Co Land Rober, o Luar, tiña menos tempo para organizar o festival. Os veráns de Mucha e Nucha eran moi axitados.

—Dirías que o verán agora e mais teu?

—Non me falta traballo pero non é o mesmo que aqueles anos. Agora estamos máis volcados no festival. Organizalo é parte importante das nosas vacacións pero facémolo por lecer e a satisfacción persoal de achegar a cultura ao rural.

—Ademais de actividades e estar con amigos, hai algo do verán que fagas máis só: deporte, ler?

—Sempre estou argallando algo con xente. Non teño moito tempo de estar só e tampouco é algo que busque. De pequeno non quería un libro na man, agora intento facelo máis cando hai algunha viaxe por traballo ou algunha escapada ca familia. Despois, correr co meu fillo detrás dun balón igual se pode contar como deporte.