Lito Garrido: «Nós vivimos da actualidade, e agora pétao Potra salvaje. É a canción do momento»

antón L. / J. B.

AL SOL

Santi M. Amil

O cantante leva 31 anos na Orquesta Panorama amenizando as verbenas galegas

26 jul 2024 . Actualizado a las 16:08 h.

Se hai que poñerlle unha voz á orquestra galega, Lito parece a opción máis obvia. Desde a súa infancia en Sanxenxo está vinculado á música. Recalou nas filas da Panorama en 1993 e é considerado un dos principais renovadores da verbena galega. O «calvo da Panorama», enfundado nos seus traxes de luces, micrófono en man, dirixe unha temporada máis a orquestra máis famosa de Galicia. Este verán soaron funestas campás de disolución, pero a agrupación musical desmentiunas. Segundo Lito: «De momento non temos intención de parar». Queda Panorama para tempo, polo menos ata o ano que vén.

—Ultimamente saíron rumores de disolución da Panorama. Xa se desmentiron, pero iso de onde saíu?

—Iso é un especial da Televisión de Galicia que se emite o 26 de xullo. Seguíronnos no concerto do Obradoiro das festas da Ascensión e a xira por Andalucía. Foi unha especie de curtametraxe, e utilizaron a disolución como gancho.

—Entón seguides para o ano?

—Nós temos contrato para festas do ano que vén. Pero tampouco quero desvelar o que se vai ver.

—Como foi a experiencia de estar rodeado de cámaras?

—Foi moi boa. Foi algo novo, ensinando como era a vida interior na orquestra. Estiveron con nós parte desta temporada.

—Canto dura a temporada?

—Nós comezamos normalmente en Semana Santa e rematamos o 31 de outubro. Son sete meses de xira nos que facemos entre 150 e 160 actuacións.

—Cantos días libres tedes no verán?

—Dous en todo o verán e tres en toda a temporada.

—Non son moitos.

—Non. Temos un calendario esixente.

—E, nesta temporada, que cancións son as que máis están soando na verbena?

—Nós vivimos moito da actualidade e agora estao petando Potra salvaje. É a canción do momento. Logo tamén está a versión de Pedro Pedro de Rafaella Carrá e a que bailaron os rapaces da selección española, Ay, Lupita. Pero eu creo que a canción do verán é Potra salvaje.

—E hai algún clásico que volo pidan máis?

—Hai dúas antigas que están funcionando moito. Nos últimos anos, o público vense arriba cando tocamos as novas versións de Freed From Desire e Será por que te amo.

—E, fóra deses sete meses de temporada, tedes algo de descanso?

—Realmente, traballamos dous meses máis, porque desde febreiro estamos ensaiando. Os outros tres son de descanso, pero tamén imos probando cousas, preparando arranxos. Ao final tampouco descansas moito. Esa etapa inicial é a máis difícil para min, porque tes a presión de crear unha obra nova á altura do ano anterior. Cando a xira xa está empezada, todo vai máis rodado.

—Ademais, xa levades moitos anos facéndoo.

—A experiencia é un grao. Pero, aínda así, en Galicia poden dicir «este ano gustoume menos» porque te coñecen. Por fóra sempre te comparan contigo mesmo e a actuación do ano anterior.

—Dirías que hai máis presión do público fóra de Galicia?

—Si. Co público e cos concellos porque sempre tes que manter o mesmo nivel para que te contraten.

—Tivestes algunha mala experiencia en concerto?

—Sempre hai algún mellor ca outro, ou accidentes como que se vai a luz. Pero, nos últimos anos, despois da covid, levamos tres xiras que están saíndo xenial. Ao final, o máis importante, ademais do espectáculo que levas, é acertar co repertorio.

—E, cando empezastes, non houbo ningunha?

—Cando empezamos pasáronnos tamén cousas curiosas. Algunha vez témonos equivocado de vila. Xa estabamos montando o escenario en Monforte de Lemos, e o concerto era en Vilalba. Pero iso era cando non había móbiles con GPS.

—Houbo algunha festa que se vos fose das mans?

—Fora moi sonada cando no 2022 actuaramos no barrio do Couto en Ourense. Eu tiven que pedir por micrófono: «Se nos queredes algo, marchade para a casa». Había o perigo de que tivésemos que suspender por aglomeración. Este ano, por exemplo, chegamos a ter actuacións con 20.000 e 30.000 persoas en Baiona e Zamora. Pero daquela a covid era moi recente.