Poderíase falar dun «festival tipo» en Galicia?

Carmen Novo LA VOZ / REDACCIÓN

AL SOL

Xestores culturais e programadores reflexionan sobre as características que comparten estes eventos na comunidade e as responsabilidades que deberían cumplir

28 ago 2022 . Actualizado a las 18:58 h.

Os festivais en Galicia conforman unha burbulla que medra sen explotar. Durante estes últimos meses, a oferta chegou ata o punto de solaparse entre si. Sen ir máis lonxe, esta fin de semana conviviron de maneira simultánea propostas como o Festival de la Luz, o Armadiña Rock, o Revolta do Umia, o Paisaxes Sonoras e o Festival Agrocuir. A pouco do remate do verán, toca facer balance das correntes que calaron máis fondo en canto á conformación os eventos.

Julio Gómez atópase aos mandos do Festival Sinsal desde a súa primeira edición, no ano 2003. O evento, que tomou como localización a illa de San Simón durante tres días de xullo, desmárcase da tendencia imperante no panorama. «Desde o inicio chamámoslle festival, pero non che digo que agora non esteamos arrepentidos de empregar esa etiqueta», recoñece. Para Gómez, alén de concentrar diferentes mostras arredor da música, hai outros factores que xogan un papel fundamental no seu desenvolvemento. Apela á conexión co territorio e co público, algo ao que se chega «tras un traballo lento de xestión». 

Manuel Araújo, responsable da empresa de xestión cultural Mam Cultura, recalca a mesma idea. Ao falar dos eventos, en vez de referirse a eles como «festivais», prefire utilizar o termo «proxecto». «Non é só a parte musical. Un festival é unha ferramenta para chegar á cidadanía na que conviven máis circunstancias», explica o xestor. Entre os proxectos que desenvolve está o festival Arteficial, que terá lugar en Ribadavia o día 3 de setembro. Estendido en torno a puntos históricos da localidade, opta polo aproveitamento e a posta en valor do espazo, o mesmo modelo polo que aposta o Sinsal. Tal e como explica o propio organizador, trátase de «revalorizar un espazo a través do seu uso».

O escenario do festival Sinsal, na Illa de San Simón.
O escenario do festival Sinsal, na Illa de San Simón. M.MORALEJO

Para Marcos Gendre, coordinador do Festival Tándem, este é o punto en común á hora de trazar unha tendencia nos festivais galegos. Para el é complicado falar dun «festival tipo», xa que hai moitos diferentes atendendo á propia xeografía. No factor territorial é onde reside a singularidade: «Aprovéitanse os espazos con formulacións que, igual, non se poderían dar en Madrid». Cita propostas como os concertos en barco do Festival Ribeira Sacra, as actuacións en igrexas e mosteiros dentro do Arteficial ou o Wos, o enclave natural da Illa de San Simón no desenvolvemento do Sinsal ou o Atlantic Fest, na praia da Concha de Vilagarcía. «Venden unha experiencia, ás veces turística, e iso prevalece na xente». Sobre a mesma idea reflexiona Julio Gómez: «Moitas persoas estruturan as súas vacacións en torno a isto».

Acorde a esta estrutura atoparíase o WOS Festival, no núcleo compostelán, que emprega diferentes puntos da cidade como escenario para as diferentes propostas artísticas: igrexas, terrazas, teatros ou salas de concerto. Iván Arias, o seu director artístico e executivo, defíneo como un festival multiespazo con programacións simultáneas, modelo que seguen outros exemplos como o Noroeste en torno a cidade da Coruña ou o Sound Water Fest en Vigo. Para Arias, este feito xoga ao seu favor para poñer en valor a súa proposta musical. Baseada nos sons da electrónica de vangarda, congrega moitos estilos diferentes: «Non programas o mesmo nunha igrexa que ao aire libre ás tres da tarde con sol», explica.

Un concerto do festival WOS no interior dunha igrexa.
Un concerto do festival WOS no interior dunha igrexa.

Achegar o discurso cultural ao público

Por isto, destaca a figura dos programadores artísticos e xestores culturais cando se trata de elaborar formulacións máis conscientes. «A nosa función é a de promover o descubrimento e o coñecemento a través de achegar as propostas ao afeccionado. Tamén poñer en valor outras cuestións como a diversidade de xénero e raza», sinala Arias, que, ademais de apelar ao «enriquecemento cultural», destaca a «conciencia social». Manuel Araújo cualifica isto como a «responsabilidade do promotor»: «Trátase de crear un discurso cultural e transmitir a mensaxe, porque chegamos a moita xente». 

Seguindo esta meta de achegamento e compromiso co público, para Julio Gómez é importante agrupar unha oferta musical arredor da que convivan todos os tipos de públicos. «O boom de festiavis trouxo opcións para case todos os grupos sociais. As persoas que soben de certa idade seguen a participar, e tamén a xente nova a pesar das súas limitacións económicas». Para el, este reparto xeracional non é algo novo, senón que vén de anos atrás. 

Atendendo aos carteis dos festivais, cada vez é mais común atopar artistas de diferentes estilos musicais que convivan nun mesmo escenario. As programacións que mesturan reguetón e rock dominaron algúns dos eventos de maior dimensión da comunidade, como O Son do Camiño (Triángulo de Amor Bizarro compartindo escena con Jhay Cortez) ou o Morriña Fest (Maluma ao lado de Franz Ferdinand). Aínda que os catro concordan en que estas propostas agochan intereses económicos -«os grupos máis coñecidos tráense pensando no eco masivo», di Marcos Gendre-, pode verse como unha forma de achegar á xente nova cara certos ámbitos.

Para Manuel Araújo a responsabilidade é iso, achegar a cultura á cidadanía. «Nos festivais falta xente nova, e esta é unha tendencia á hora de conseguir chegar a novos públicos. Ás veces, é necesario engadir a un artista de reguetón nun festival de temática pop».

En termos xerais, esta formulación coincide cos eventos de maior tamaño. Para Julio Gómez, estanse a distanciar cada vez máis dos de menor tamaño. «Os grandes cada vez ocupan máis e son máis fortes, algo que divide aínda máis a programación. Neles hai unha proporción entre o artista a contratar e a capacidade económica acadada coa venda de entradas. Os pequenos temos que dimensionar a nosa proposta ás posibilidades reais».

Crear identidade

Tras a crise sanitaria, houbo grupos de promotores, xestores e organizadores que decidiron arriscar e apostar por crear novas propostas artísticas. É o caso do Festival Tándem, coordinado por Marcos Gendre, que entre o 15 e o 18 de setembro celebra a súa primeira edición en torno a diversas salas de concerto da Coruña. Con isto, pretendían facer «todo o contrario» ao que están vendo. Tamén na programación musical, que busca visibilizar novos proxectos: «Queriamos apostar por xente que cremos que vai ser a voz do futuro». Mentres fala, para exemplificar, lembra o concerto de Rosalía xunto a Raül Refree no Festival Noroeste do ano 2017, antes de que saíra á luz El mal querer e se convertera nunha artista de fama internacional. É a función do xestor na que cre, a de achegar e dar a coñecer.

Á hora de programar aos artistas, Iván Arias ve dúas tendencias distintas. «Podes contratar atendendo a criterios mercantís e facer unha marca con iso, co que máis se escoita no momento; ou o camiño inverso, buscar artistas pouco coñecidos e a partir de aí construír unha identidade propia». Debido á especialización da proposta, baseada na música de vangarda electrónica, o WOS apenas atopa competidores no territorio. Pasa noutros casos «nicho», como o Resurrection Fest, en Viveiro, centrado no metal ou o hardcore punk.

Isto é unha baza á hora de crear unha identidade definida e facilmente recoñecible. «Ao WOS vén a xente a descubrir, sen coñecer aos artistas do programa. Iso é moi satisfactorio, porque é a confianza na nosa marca», explica Arias. O mesmo sucede co festival Sinsal, no que as entradas se mercan antes de coñecer o cartel, que non se fai público ata o día anterior. Para Marcos Gendre, un festival crea a súa propia identidade cando un merca as entradas antes de saber os grupos que van tocar. «Significa que hai unha credibilidade na programación». Defende unha programación alternativa, sen «clonar» ao resto.