Ánxela Baltar, de Bala: «Ser muller e facer música é un acto de resistencia»
AL SOL
O dúo presenta en directo «Maleza», o seu terceiro álbum, nos festivais Revolta do Umia e Barbeira Season Fest
23 ago 2022 . Actualizado a las 12:26 h.Ánxela Baltar (guitarra e voz) e Violeta Mosquera (batería e voz) forman o dúo Bala. Co seu terceiro álbum, Maleza, posicionáronse como un dos grupos con máis proxección internacional do panorama. Agora, presentan o traballo no festival Revolta do Umia (27 de agosto) e no Barbeira Season Fest (1 de setembro).
—Este fin de semana actúan no festival Revolta do Umia e a semana que vén no Barbeira Season Fest. Este mes, ademais, estiveron no Son Rías Baixas e no Latitudes. O seu último disco, Maleza, xirou por moitas outras partes. Como viven isto?
—Foi bastante emocionante ver a acollida que tivo Maleza. Estaba xa listo desde o 2019, pero tivemos que cambiar a data de presentación varias veces ata que ao final saíu en maio de 2021. Para nós era unha incógnita como ía funcionar neste contexto de pandemia, e a verdade é que foi ben. Temos moitas ganas porque o ano pasado non puidemos tocar todo o que pretendiamos. Estamos listas para tocar onde sexa.
—Contaron co apoio de Century Music, un gran selo que conta cunha estrutura a nivel internacional. Ata que punto influíu?
—Foi importante á hora de acadar máis proxección, unha boa oportunidade para chegar a moitos recunchos do mundo e a moitos países aos que non teriamos chegado se non fose por eles.
—A súa maneira de facer música sempre estivo asociada á autoxestión e á independencia. Agora, xa acadando certa dimensión, viron perigar eses valores?
—Tratamos de non perder as nosas raíces e a nosa identidade. Hai cousas polas que unha ten que pasar cando o grupo medra, gusten máis ou menos ou sexan máis ou menos coherentes cos inicios.
—Aínda con todo, á marxe de Bala, seguen mantendo os seus traballos. Cren que se pode vivir da música sen renunciar á independencia?
—É complicado, e despois da pandemia tampouco é o mellor momento para apostar por iso. Nós poderiamos apostar unicamente polo grupo, pero é algo no que non pensamos. Seguimos tendo outros traballos porque queremos, porque están relacionados coa música e somos unhas apaixonadas. Hai outras bandas que, pola contra, viven disto. E podes chegar a ter un nivel de vida normal, pero tampouco mercar unha casa en Malibú.
—No seu caso, mais aló do grupo, forma parte da organización Mujeres en la Industria Musical (MIM).
—Aínda queda moito por facer. Agora hai máis conciencia que nunca neste tipo de cousas, porque son temáticas que hai anos nin se pensaban. Aínda queda camiño, pero por sorte hai conciencia e iniciativas que traballan pola igualdade.
—Berran e tocan con forza. Bala traballa con xéneros como o «grunge», o «hardcore», o «punk» ou o «stoner rock». Paradoxalmente, xéneros onde a presenza de mulleres sempre estivo nun segundo plano.
—Non hai tantas como noutros estilos e tes que pararte a pensar para atopalas. A nós, cando chegamos a algún sitio, dinnos cousas como: «Cando vin que erades dúas mulleres pensei que faciades pop». Moita xente non agarda isto que facemos, precisamente por ser mulleres. De igual forma, outras músicas están alí e hai que valoralas. Bandas como Árida, Electric Wizard ou Acid King. Tamén somos moi fans de Kim Gordon, de Sonic Youth, L7 e todas as bandas Riot grrrl. PJ Harvey tamén foi un referente para as dúas. Existen e hai que apostar por elas.
—En «Maleza» fan referencias constantes á resistencia. Desde a portada, cunha dentadura premendo un pau que non rompe, ata letras como a de «Quieres entrar» (Estás medio dormida / Resistes como un animal / Que escapa / De un amargo final). A idea poderíase extrapolar a este contexto?
—Si, por suposto. Ser muller e facer música é un acto de resistencia, unha acción política. É saír da norma, do que se agarda de ti por ser muller. Romper con estes prototipos cos que medramos e baixo os que nos educaron. Queremos saír diso. Se como grupo temos algo claro, é o de facer o que queremos. Independentemente do que se espere de nós.