Un día na lama

Iago Alonso Álvarez

AL SOL

Iago Alonso Álvarez. 26 anos. A Coruña. Contable.

06 ago 2018 . Actualizado a las 22:01 h.

O Xeneral John Moore dera a orde de colocar a nosa brigada de mil cincocentos soldados en tres formacións situadas en paralelo no monte Mero. Eu agardaba con meu fusil na man. Era un día moi frío na cidade da Coruña, e só desexaba embarcar decontado. Regresaría a Inglaterra para casar con Judy e non ter que volver coller unha arma no resto da miña vida. O paso das tropas nas contendas era constante pero lento, agardando a que a distancia fose o suficientemente curta como para disparar os fusís. Os franceses camiñaban sen alterar a súa formación, pero a súa lentitude viuse aumentada por culpa dos cerros que dividían as parcelas do terreo. O plan fora embarcar esa noite, pero diversos movementos nas filas do xeneral francés Soult evitárono. Aquel xeneral desexaba tanto esa contenda como eu a temía.

Mirei cara a arriba, e nos altos de Peñasquedo unha decena de canóns franceses apoiaban o paso das tropas inimigas. Eu collín suficiente pólvora e metina no canón do meu fusil, logo introducín a bala e por último puxen un anaco de tea. Cunha alongada vara fixen unha forte presión dentro do canón. Despois abrín un momento a cazoleta para meter un pouco de pólvora. Finalmente coloquei o percusor e escoitei ese característico son que se produce cando a arma está preparada. Cando nos deron a orde xirei o pescozo cara ao ombro contrario ao que suxeitaba o fusil e pechei os ollos, xa que se non o facía podía saír moi danado. Apertei o gatillo á vez que o resto dos meus compañeiros. Resultaba abraiante como as tropas camiñaban en dirección aos homes que lles disparaban sen modificar a súa formación. Algúns caían mortos ou feridos, pero eles non importaban, se tiñan sorte serían atendidos máis adiante.

Cando chegaron os franceses saquei a miña espada. Eu daba tallos tratando de manter os inimigos a certa distancia, por sorte encontrábame pegado a varios compañeiros cos que nos cubriamos as costas mentres retrocediamos. Dei un paso adiante e logrei acertarlle coa espada nunha perna a un soldado francés, que caeu na lama. Cando retrocedín sentín frío na man esquerda, ao mirar encontreime con que os dedos belleco e anular xa non estaban. «Son só dous dedos, e aínda conservo o polgar», pensaba eu. «Só desexo volver ao teu carón, Judy».