De Cronos a Kairos

Lita Rivas Folgar

AL SOL

Lita Rivas Folgar. Santiago de Compostela. Funcionaria.

06 ago 2018 . Actualizado a las 21:59 h.

Sempre presentín que estabas aí, nalgures, noutro tempo e lugar. Quizais andei na túa procura, sen sabelo, no máis profundo do meu inconsciente. Ás veces... unha sensación indescritible, coma unha presenza invisible que reconforta, como a luz lene dunha candea, dentro do corazón. Talvez este mundo tan só sexa un máis entre incontables mundos, como incontables son tamén as pingas de auga no océano ou as latexantes estrelas visibles e aqueloutras, que escapan á nosa miúda percepción. Emporiso, e por se o destino antolladizo non teña proxectado xuntarnos nesta vida, aturareino e agardareite nalgún lugar alén do tempo, nese Kairos grego de intemporalidade, de eternidade, lonxe da escravitude do tempo real, dese Cronos que non descansa xamais.

Ela suspirou, mentres pechaba devagar aquel libro, que conseguira illala do exterior, acubillala nunha burbulla protectora e vivificante. Repasou o que acababa de ler e sentiuse plenamente identificada con aquela fervenza de sensacións, que estaban a asolagar cada páxina e que ela absorbía con devezo.

El escribiu o derradeiro parágrafo daquela historia, que levaba tanto tempo tentando darlle forma e que era en realidade a súa procura constante trala súa alma xemelga, que todos queremos achar e que moi poucos somos quen de atopar e pensou que, se cadra... Ela, nalgún momento dese Kairos, sen pasado, presente nin futuro, leríao e os sentimentos que el tiña espallado sobre aquelas follas, coma ese orballo, que impregna os campos no estío, se cadra servirían para facela soñar. «E o titulo?», cavilou un intre. «De Cronos a Kairos», decidiu convencido.