Rosalía

Celestino pérez recarey

AL SOL

Celestino Pérez Recarey. 75 anos. A Coruña. Xubilado

06 ago 2018 . Actualizado a las 21:56 h.

Unha noitiña do mes de San Xoán xuntámonos uns amigos para cear nun local con encanto. Cando estabamos esperando que nos servisen, observei que entraban dúas mulleres elegantemente vestidas. Unha delas, a que era algo maior, denotaba un aire de distinción e unha mirada agarimosa. Pero a que atraeu máis a miña atención foi a outra, a máis alta. Era dunha idade que non se podía definir ben; non era unha rapaza nova, pero tampouco unha señora maior. Tiña un andar velaíño e un sorriso que lle facía goios nas fazulas. Era, sen dúbida, unha muller fermosa. Quedei mirando para ela e pensando que a coñecía de algo. Durante a cea non paraba de cavilar sobre a relación que eu podía ter con esa muller. E despois de espremer ben os miolos, xa me decatei de quen era. Nin máis nin menos que a rapaza que me trouxo toliño nun mes de agosto de hai moitos anos. Si, era a mesma; estaba seguro.

Por aquel entón eu era bastante retraído coas mozas da miña idade. Por iso nunca me atrevín a achegarme a aquela rapaza para darlle a entender o moito que me gustaba. Iso si, intenteino máis dunha vez; dende esperala para acompañala camiño da súa casa, ata escribirlle unha carta explicándolle o que sentía por ela. Os resultados foron sempre os mesmos: nunca fun quen de dirixirme a ela nin de entregarlle a carta que tanto me custou escribir. Foise ese mes de agosto e con el tamén se me foi indo a paixón por aquela moza.

E agora, transcorridos xa moitos anos, coincido con ela nun restaurante acompañada dunha muller algo maior ca ela. Entre que un xa está nunha idade madura e que a timidez de antano foi desaparecendo, atrevinme a achegarme a ela e falarlle. Así que me acerquei a onde estaba e pregunteille: «Desculpa, ti non es Rosalía?». Ela, mirándome con cara de estrañeza, contestoume: «Non; está vostede equivocado». Eu quedei cortado, pero reaccionei rapidamente: «Perdoa, non quería molestar, é que te pareces moitísimo a unha rapaza que coñecín hai moito tempo que se chamaba Rosalía». Ela, esbozando un leve sorriso, respondeume: «Eu son Uxía. Rosalía e a persoa que me acompaña. É a miña nai».