Rodrigo volve á casa

anabel rodríguez rodríguez

AL SOL

Anabel Rodríguez Rodríguez. 49 anos. Monforte. Xornalista

06 ago 2018 . Actualizado a las 21:56 h.

Aquela noite foi das máis salvaxes na vida de Rodrigo. A cáustica e arriscada relación que mantiña co presidente da compañía estaba a facerlle perder a pouca dignidade que lle quedaba. Agora sentía que aquel part-time job e a city estábano engulindo coma unha pitón birmana a un cabritiño. Saíu devastado e algo trastornado dunha concisa habitación de hotel con aroma a mofo e lixivia. Rudolph, aquel cabronazo rañas, non gastaba nin unha maldita libra nel. Rúa abaixo, deixou que a súa mente voase cara ao Acuarela de Chueca, onde un café sabía a café e onde un domingo nunca terminaba en luns.

Con todo, á mañá seguinte non soñou con Madrid, senón co carrusel do xardín da Compañía do seu Monforte natal, onde os seus soños infantís viraran á velocidade dun time-lapse multicolor igual á bandeira que enarboraría o resto da súa vida. Chegara o momento do retorno, pero non podía regresar coa insoportable carga da frustración e dos soños non cumpridos. El, que pertencía ao selecto grupo de cerebros exiliados en London pola crise voraz, víase a si mesmo coma un químico mediocre incapaz de atopar un futuro laboral digno. Durante noites esporádicas, soportaba as pestilentes babas de Rudolph co propósito de subir un banzo máis, pero o cruel gentleman non parecía disposto a axudalo, máis ben o contrario.

A opacidade da típica néboa londiniense sobre o Támese trasladouno a un escenario de estampa similar, especialmente durante os crus meses de decembro. Unha vez máis, estaba a pensar na súa volta á cidade do Cabe e nun macabro epílogo para dar por finalizada a súa estancia en Londres. Días máis tarde, Rudolph, coa fórmula química adecuada, partiría cara ao máis aló e Rodrigo por fin volvería á casa. O avistamento da impoñente Torre da Homenaxe sobre o val de Lemos desde a N-120 deulle a serenidade que tanto necesitaba despois do seu primeiro crime.