Non sei que facer coas mans

berta soliño costas

AL SOL

Berta Soliño Costas. 46 anos. Marín. Mestra

06 ago 2018 . Actualizado a las 21:52 h.

Sentiu que era incapaz de suxeitarlle a man, notou que se separaban, e nun segundo perdeuna. Detívose, non podía seguir camiñando deixándoa atrás, apartouse cara a un lado e esperou a que a multitude avanzase, coa esperanza de mirala reaparecer. Oxford Street, no Nadal, non é unha rúa doada de transitar. Subiu á repisa dun escaparate, elevou a voz sobre as cabezas e berrou o seu nome; do que agora lle pareceu unha masa de corpos apreixados movéndose ao unísono ninguén se xirou cara a el, non xurdiu un brazo entre abrigos, mochilas, bufandas e bulsas de compras para facerse visible, non escoitou unha voz recoñecible bruando: «Estou aquí».

Como puido acontecer que se perderan? Esas cousas non lle suceden aos adultos. Había anos, nunha praza noutra cidade, perdera momentaneamente ao seu fillo pequeno, uns minutos nos que temeu o peor e case se volve tolo. Era un neno de catro anos, agora falamos dunha muller de corenta. Só sabía o seu nome. Coñecéraa había tres días nunha festa á que acudira por casualidade. Bailaron, tomaron unhas copas e marcharon xuntos. Tres días nos que compartiron cuartos de hoteis para dar renda solta a unha atracción instantánea que os tiña confundidos e imantados. Un poderoso imán de desexo e risos, sen tempo nin necesidade de intercambiar confidencias nin teléfonos.

Esperou durante horas sen moverse, por se ela volvía, a que a rúa se baleirase. Ao lonxe, entre unha penumbra de lámpadas e resplandor de escaparates, distinguiu a figura dun corpo inmóbil que semellaba agardar apoiada na fachada duns grandes almacéns. Contivo a respiración, deu un berro e comezou a correr cara a aquela dúbida.

A non moitos metros de alí, se temos en conta o tamaño da cidade, non máis de dúas estacións de metro, ela preparaba un café, logo sentou no sofá diante da ventá que daba ao río e recordou o momento, como quen establece as regras de xogo, en que recuara un paso e lentamente se desprendera da man que a agarraba.