10.000 quilómetros

eva cabanelas dopazo

AL SOL

Eva Cabanelas dopazo. 29 anos. Veterinaria. Lugo

06 ago 2018 . Actualizado a las 21:52 h.

Nora chegou á estación de tren de Lugo unha calorosa mañá do mes de agosto. Facía case dous días que saíra da súa casa en Miramar (Arxentina), con mate na maleta e a ilusión de coñecer a terra da que tanto oíra á súa familia falar. Facía cen anos que os seus avós partiran camiño da emigración. Uns poucos nomes anotados nun caderno e a esperanza de atopar en pé a casa dos seus antepasados levárona ata o Courel. Así foi como chegou a Moreda, unha pequena vila de vinte e cinco habitantes. Malia as caras de abraio iniciais, os veciños máis vellos do lugar compartiron con Nora as súas lembranzas, de como a súa avoa materna marchara para Arxentina moitos anos atrás. Acompañárona ata a casa, cuxas paredes de pedra aínda seguían ancoradas á terra, tan forte coma os sentimentos que levaran a Nora a buscar aquel lugar.

Claudina, de ollos azuis e mandil de cadros, convidouna á súa casa a comer; embutidos caseiros, unhas troitas fritidas e viño tinto para acompañar. Coa barriga chea e ilusión desbordada, chegou ata Mostad, unha pequena aldea illada na montaña. Tras presentarse, Nora descubriu que compartía apelido co pai de Santiago, un dos veciños que alí estaban a parolar. O home, emocionado, levouna á súa casa e deulle café e chourizos. Aquela muller era parente de seu pai, que falecera tres anos atrás. Santiago ensinoulle a Nora a casa onde nacera seu avó, que aínda permanecía en bo estado de conservación. Nora cumprira o seu obxectivo: tiña fotos para mostrarlle a seu pai enfermo na Arxentina. Pero a procura das súas raíces non remataría alí, senón en Campelo, onde unha muller de oitenta e sete anos tomaba o sol. Angelita, que así se chamaba aquela muller, tamén compartía apelidos con ela. Cando Nora lle mostrou o seu caderno de nomes, Angelita recoñeceu un, o da súa avoa. Nora comezou a chorar, o nome que sinalaba a anciá era o da súa propia bisavoa. Eran curmás segundas, o que significaba que Nora aínda tiña familia en Galicia. Nese intre, as bágoas brotaron e as dúas mulleres fundíronse nunha aperta tan grande como a distancia que as separara.