Xogar ás mareas


De novo non o collera a marea, sempre se libraba, corría coma un lóstrego praia arriba. Os rapaces admiraban a súa valentía para quedar inmóbil diante das ondas e esperar ata o último instante antes de que chegara o mar, e logo esa carreira cara arriba na que ninguén o atracaba.

Ao chegar á escola todos traían a area pegada aos zapatos, ás pernas, suaban pola carreira; el, porén, non traía area e a carreira non lle supuña ningún esforzo. Sentaba ao lado da ventá desde a que podía ver o mar, tiña estudadas as mareas, por iso nunca se mollaba. Esta vez tocoulle a Manolo chegar enchoupado e o mestre con dúas vareadas nas mans púxoo cara á parede. Algún día irían os dous ao outro continente, o de cunchas baleiras e caracolas, o do poeta que tanto lles gustaba cando lía Aurelia, pena que nin sequera os miraba, aínda que Manolo aseguraba que lle escintilaban os ollos abelá cando falaba David.

David era inquedo e todos sabiamos que non quedaría na vila, nin sequera cando don Ramón permitiu que formalizase a súa relación con Aurelia. Tiña que marchar, comprobar se as caracolas da outra banda do mar soaban como dicía o poeta.

Cando regresou, fascinounos con Filadelfia, e se antes lle tiñamos envexa por ser o campión das mareas, agora por ter estado nos EE. UU.! Sempre manifestara inquedanzas, por iso cando volveu, quería cambiar o mundo. Ao pouco de chegar decatouse de que os armadores non tiñan escrúpulos á hora de pescar, os patróns acataban a orde e á terra non se viña sen ter cheas as adegas de sardiñas ou xurelos. O peirao era un fervedoiro do ruxe-ruxe sobre o asunto, pero ninguén ousaba falar. Pero aí estaba el, sen medo ás mareas e, agora, cumpría facelo en alto para que todos soubesen que se podía. Acabou denunciando o uso da dinamita polos barcos do cerco, algo que nunca lle perdoaron os armadores.

Casara con Aurelia e tiñan tres fillos, pero un aciago dezaoito de xullo principiou o seu final, buscábano e tivo que fuxir. A familia sufría diariamente os rexistros, insultábannos e non perdían ocasión de humillalos co Cara al sol. El continuaba agachado, pero ao igual que facía cando xogaba ás mareas arriscábase polas noites e chegaba ata o Mariño a ver a Aurelia e aos nenos. E a pesar das advertencias de que había armadores que lle tiñan ganas, el continuou, e unha noite apresárono no Rial, levárono ao cárcere, disque á espera dun xuízo sumarísimo.

O doce de outubro do ano seguinte ao golpe foi fusilado en Boisaca aos trinta e tres anos e soterrado nunha fosa. Esta vez a marea foi tan grande e traidora que David non puido con Goliat.

Beni vidal tomé, 58 anos. A Coruña. Profesora de Lingua e Literatura galegas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Xogar ás mareas