Avinza das amizades da aldea


Eu vivo na cidade e teño moitos parentes e amizades que viven no rural. Alí temos moita xente que ten unha capacidade intelectual enorme. Desgraza que por falta de escola na xuventude non poidan ter os papeis que os funcionarios esixen para traballar en por eles sen axuda allea. Indo a axudar a un dos meus tíos cos papeis de facenda achegouse un veciño e preguntoume que, sendo eu como era tan estudiado, se sabería como tiña que repartir o pago dunha herdanza. As partillas eran de 1/2, 1/4 e 1/5. Tempo houbo que tiveran moito eido, pero hoxe só tiñan 19 ferrados nunha cortiña. Xa vía vir os fociños torvos dos xenros si non collían cada un dos ferrados completos e a máis terían os demos polas pernas entre eles. Alá fomos os tres e cunha cinta de aparellador. O veciño e meu tío mediron de todas as formas pero non cadraba a conta dos ferrados completos. Eu debuxei o terreo nun papel, deille unhas voltas nos miolos e non vía a cousa tampouco.

Pasou outro veciño, xa vello, e preguntou que estabamos facendo, que non foramos mover os marcos que logo podería haber mortes. Despois de contarlle o conto da repartición da leira, díxome: «Vaiche boa, rapaz, tan estudiado na cidade e non sabes unha cousa de escola de aldea». Dixen que ben certo era o do estudo, pero que non sempre o máis estudiado é o mais intelixente. As máis das veces sabe o demo moito máis por vello que por demo. Achegou os beizos á miña orella e espetoume: «Dille ao teu tío se me deixa un ferrado do bacelo que ten na beira da cortiña do veciño e fago a conta de balde». Meu tío pensouno un pouco, desconfiando que o outro querería quedarse cun ferrado da súa viña. Ao fin porfiou un pouco máis e xa postos en avinza colleu un garabullo e cadrou a conta no chan. Con 20 ferrados saen 10 para un, 5 para outro e 4 para o derradeiro. Suma e sobra 1 ferrado que ben podería ser para min se non fora de teu tío. Só marcho contentiño bicando unha cunca do viño que se fai nel. Así fixemos, na adega do meu tío cuns liscos de xamón baixamos unha cunca do tinto da colleita do ano anterior e ficamos abraiados coa larpeirada.

Faustino Arnáiz Moreno, 71 anos. Países Baixos. Xubilado.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Avinza das amizades da aldea