Gonzo: «Evito o sol, se me colle é porque estou desprevido»

álex g. Chouciño / j. b.

AL SOL

OSCAR VIFER

Para este reporteiro intrépido a auga é un elemento básico no seu día a día. As fotos da súa voda collérono de imprevisto

14 ago 2017 . Actualizado a las 12:03 h.

O verán para Gonzo é andar polo Grove cos seus amigos e familiares. Gústanlle as praias con pouca xente e que non sexan de pedra. As súas festas preferidas son as de San Bartolo (Riotorto), cando se xuntan todos ao final das vacacións.

-En verán desconectas do traballo ou levas o micro á praia?

-Do traballo do Intermedio desconecto completamente. Bueno, completamente non porque ao ler a prensa estás vendo a actualidade e poste a pensar na reportaxe que farías con esa noticia. Tampouco desconecto de todo porque teño tamén traballo aquí en Galicia coa produtora. Descanso de traballador pero teño máis tarefas como empresario, por dicilo dalgún xeito.

-Hai algún verán que recordes en especial?

-Varios. Os primeiros da adolescencia, ou estes que estou vivindo agora como pai tamén. Son veráns distintos, pois gozas vendo gozar aos pequenos. Os de todos os anos, por sorte ata o momento, son veráns para recordar. Son todos agradables.

-Que ten que ter unha praia para que che namore?

-Pouca xente. Con que teña pouca xente e sexa de area, non de pedra, para min xa vale.

-En que praia te sentes como na casa?

-Hai varias praias. Na que estou agora mesmo, Area Grande no Grove. A de Samil evidentemente tamén me gusta moito, como Bao e a da Fonte, tamén en Vigo. E despois fora da miña zona, a praia de Castro de Baroña, á que ía na miña etapa en Santiago, para min é un sitio especial.

-Practicas algún deporte acuático?

-Si. Fago natación todo o ano, cando veño para Galicia tamén. Pasa que aquí nas Rías Baixas mellor co neopreno; que botar unha hora na auga, carallo! Fago algo de surf tamén, un pouco de snorkel cando podo. A auga é un elemento básico na miña vida. Xa desde pequeno e agora, que vivo a cincocentos quilómetros da casa, a piscina non falta.

-Móllaste máis no profesional ou no persoal?

-No profesional que decidan os que me pagan e no persoal si, son un animal de auga.

-Que plans realizas nos teus días libres?

-Pouco plan. Comer ben, durmir tranquilo a sesta, estirar as noites... E todo iso rodeado de amigos e familiares. Pero o meu plan de verán perfecto é vir para O Grove e estar cos que non teño tan preto o resto do ano.

-Cal foi o momento máis inesperado que che pasara nunha praia?

-As fotos da miña voda! [risas] Que de repente, un 25 de xullo co sol de cheo ás seis da tarde, o fotógrafo dixo que el quería facer as fotos na praia. Pois imaxínate como foi o choio. A praia chea e de golpe aparece un home vestido de traxe coa noiva. Viunos todo o mundo subidos nas rocas. Foi cousa do fotógrafo e de miña muller.

-Daquela, párante moito pola praia?

-A verdade é que si. A xente para en todos lados, e a praia non é menos. É un sitio onde soe achegarse a xente que ve o programa a notificarche que lle gusta, e se cae a ‘fotiño’, mellor.

-Ti es máis de estar tirado ao sol na toalla ou no chiringuito á sombra?

-Non. Se estou na toalla que sexa á sombra e si é no chiringuito tamén. Con dous nenos pequenos o meu ámbito de praia é coa auga polos xeonllos, xogando con eles a facer castelos.

-Non buscas o moreno daquela?

-Non. Collinlle tirria ao sol. Antes de irme para Madrid si que me preparaba para poñerme un ratiño ao sol. Pero desde que vivo na solana e no secarral xa evito o sol. Se me colle é porque estou desprevido xogando fora do parasol.

-A qué festas de verán non podes faltar?

-Á festa de San Bartolo, na parroquia de Espasande de Abaixo, en Riotorto. É a casa de miña nai e coincide sempre o 24 e 25 de agosto. É o final das vacacións e xuntámonos toda a familia. E unha festa que, si Wyoming mo permite e non me cita antes, alí estarei o 24 na sesión vermú dándoo todo.