A maior parte dos galegos pensan que un ferrado é unha medida de superficie porque teñen oído expresións como «teño unha leira de sete ferrados». Pero non é así, en realidade chamámoslle ferrado a un caixón de madeira con ángulos metálicos -de tamaño normalizado- que servía para medir o cereal co que os antigos labregos tributaban aos señores feudais ou ao clero. Claro que para encher o ferrado era necesaria unha área aproximada de leira, que dependía da produtividade da terra, feito polo que non teñen o mesmo valor os distintos ferrados de concellos diferentes. O de Muros está entre os máis pequenos (335 metros cadrados), porque a terra muradá dá moito máis rendemento agrícola que a mesma superficie en Barreiros ou Cervo, onde pasa dos 700 metros.
Agora ben, a produción das leiras non é tan cartesiana como para cambiar os límites administrativos, polo que quero imaxinar que no século XIX, co nacemento dos concellos como entes administrativas, debeuse facer unha clasificación municipal para adaptalo ao novo mapa administrativo, porque antes de nacer o sistema métrico decimal era o único método de medida agrícola. Aínda que nos límites galegos de Ourense lle chamaban -e chaman- tega, o ferrado está estendido por toda a nosa xeografía, e está dividido en concas ou cuncas, segundo a zona.
Actualmente, case todos os galegos maiores de 40 anos aínda entenden a superficie das leiras por ferrados e concas, e séguese reflectindo nas escrituras de propiedade. Trátase un patrimonio inmaterial que debemos manter, porque tamén forma parte da nosa historia.