Patrocinado porPatrocinado por

Benito Rego

Xulio Xiz TRIBUNA

AGRICULTURA

20 feb 2018 . Actualizado a las 13:47 h.

Sempre me afectaron moito os pasamentos dos amigos que van deixándonos desprovistos dunha especial protección. E sendo rico en amigos coido que a cada un dos que se van se pode aplicar o verso de Díaz Castro «O universo sería máis pequeno sen ti».

Desde hai uns días, Lugo é máis pequeno polo pasamento de Benito Rego Cobo, ribadense que na capital desenvolveu toda a súa vida profesional, política, social e humana.

Coñecino no Concello de Lugo, nos oitenta, como edil, e era desas persoas que se ve que viven en paz consigo mesmo e cos demais, sosegado, tranquilo, dialogante, sen alzar nunca a voz, axudando a pacificar contornos difíciles de aquietar. Foi vicepresidente da Deputación e deputado no Congreso; profesor na Escola de Enxeñeiros técnicos agrícolas e presidente do colexio de Veterinarios, da Protectora de Animais e do Club Fluvial.

Benito Rego e Pilar Cadahía, a súa muller, sufriron a peor dor que uns pais poden sufrir ao perder un fillo. Coido que desde entón non volvín velo. Sí a María Pilar, membro de Manos Unidas, asociación á que lle teño querencia desde hai ben anos. Ela era a transmisora de lembranzas e amizade entre os dous.

San Francisco Javier encheuse para despedilo, e un dos amigos, Vicente Quintas, falou do baleiro que en todos deixou. Como viviu, así se foi, caladamente, sosegadamente, tendo conseguido «un millón de amigos», como dicía Roberto Carlos, aos que deixa «desabrigados» do agarimo que as xentes de ben estenden sobre os que teñen a sorte de coñecelos.