Patrocinado porPatrocinado por

Abrañeira: Dez anos reavivando a malla do centeo

Paula Riveiro / A.G. RIBEIRA / LA VOZ

AGRICULTURA

DANI GESTOSO

A agrupación realizará o sábado unha demostración no campo de Ordenario

03 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Separar a semente da palla é un dos labores que conforman o proceso de colleita de cereais. Na actualidade está mecanizado, pero antigamente tiña que realizarse de xeito manual. No concello de Boiro, os membros do colectivo veciñal Abrañeira, levan unha década reavivando esta tarefa tradicional. Cada vez son máis os rapaces novos que deciden aprender a manexar os mallos, a ferramenta de traballo que se emprega para bater na palla. Anxo e Uxía Ramallo, Manolo Segade e Abel Lojo incorporáronse este ano á agrupación para intentar que unha tarefa que foi tan característica da nosa terra non caia no esquezo.

«Empezaron dende cero, non sabían mallar antes», afirma o membro e fundador de Abrañeira, Alberto Ríos. Decidiron incorporarse porque algún deles teñen familiares ou coñecidos que xa estaban na agrupación. Un mes antes das festas de Boiro, que foi a súa primeira saída a escena, comezaron a quedar co grupo para prepararse. Tal e como recoñece Ríos, non lles custou nada aprender e adaptáronse rápido aos demais. A actividade require práctica, xa que se empregan útiles de traballo e, se non se teñen a destreza e a compenetración necesarias, pode chegar a ser perigosa.

En Boiro facía máis de trinta anos que non se mallaba. É, por iso, uns coñecidos das aldeas de Runs, Teaño e Coroño decidiron xuntarse para poñer en valor esta tradicións, para que non se perdese. «Cando comezamos, ensinounos a mallar Manolo, que agora ten máis de 80 anos», recorda Ríos. Porque ningún deles o fixera con anterioridade, nin sequera o viran de man de algún familiar. Foi así como, dez anos atrás, crearon o colectivo veciñal Abrañeira, que foi medrando pouco a pouco ata chegar aos case 30 membros que o conforman na actualidade.

O rol de homes e mulleres

Cada quen debe ter claro cal é o seu cometido para poder reproducir este antigo método agrícola tal e como se facía unha trintena de anos atrás. Un total de 16 homes -8 por cada banda- son os que baten no cereal, mentres que as mulleres se encargan de darlles a volta aos feixes de trigo e separar o gran da palla. A agrupación non organiza máis actividades que a Festa da Malla que se celebra dúas veces ao ano.

Son os propios membros os que sementan o trigo a finais de decembro e o recollen a mediados de xuño, para que estea a punto na semana das festas de Boiro, cando realizan unha exhibición no parque da Cachada. Un mes antes desta cita é cando quedan para familiarizarse coa dinámica de traballo, xa que non o fan durante os meses de inverno. «Xuntámonos os sábados ou os domingos, e tamén algún día á última hora», afirma Ríos. Recrean unha eira con herba para practicar sobre ela e non malgastar o centeo

Programa da festa

Ademais da cita, durante os festexos boirenses teñen outra data sinalada no calendario. A festa que se vai realizar esta fin de semana no campo de fútbol de Ordenario, en Teaño. Os festexos comezarán o venres pola noite cun serán, no cada veciño leva un instrumento. O sábado será a demostración da malla, ás 13.00 horas. «Agardamos que veña moita xente, sobre todo maior, xa que lles gusta rememorar algo que eles viviron», comenta Alberto Ríos. Despois, para repoñer forzas, realizarase unha comida campestre e tamén haberá verbena. Porque o día da malla, mais alá dunha xornada de traballo agrícola, era toda unha celebración entre veciños.