Patrocinado porPatrocinado por

Etilización urbana

Carlos F. Coto DESDE FÓRA

AGRICULTURA

15 jun 2017 . Actualizado a las 08:03 h.

Onovo vocábulo ten tela, pero escoiteillo ao catedrático Troitiño Vinuesa, experto en turismo e xeografía humana da Complutense. Refírese ao éxodo da poboación tradicional e heteroxénea dos centros históricos masificados por mor do turismo, e prodúcese por varios factores.

Por unha banda, a proliferación dos pisos turísticos que substitúen ás vivendas que xeración tras xeración foron construíndo un tecido veciñal e de relación; pero tamén pola substitución do comercio tradicional e veciñal por tendas de recordos ou negocios das multinacionais ou franquías, e tamén pola sobrecarga de xente que deambula dun lado a outro facéndose fotos, falando outros idiomas, enchendo as terrazas que ocupan o espazo público, o que entre todos se conseguiu durante anos, para goce de todos.

Estas tres compoñentes, sumadas á alza dos prezos -tanto inmobiliarios como dos bens de consumo diario- botan á cidadanía do seu berce, do lugar no que se criaron cos devanceiros e cos veciños. Foxen coma lóstregos a lugares máis tranquilos nos que poidan levar unha vida digna.

O que moitos autores denominan xentrificación turística e que os profesionais do turismo odian chamar turistificación, xa acontece en lugares como a cidade vella de Compostela, o conxunto histórico de Combarro, Sanxenxo ou clásicos como Venecia ou determinados barrios de Barcelona. O monocultivo do sector terciario (servizos) acaba asasinando ás poboacións heteroxéneas -as de toda a vida- e instalando parques temáticos que benefician economicamente a uns poucos, socialmente a ninguén.