Patrocinado porPatrocinado por

Loita pola supervivencia do sancosmeiro

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

AGRICULTURA

MARCOS CREO

Facendo os singulares sombreiros e ensinando as técnicas para a súa elaboración, as boirenses queren evitar a desaparición dunha peza típica do rural barbancés

11 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

É un sombreiro típico de Outes, concretamente do lugar de Banzas, na parroquia de Santo Ourente de Entíns, pero o sancosmeiro foi empregado no pasado en boa parte do rural barbancés, sobre todo para tarefas agrícolas. Aínda que agora non se utiliza a cotío, si que é unha peza que se loce en festas e exaltacións do feito tradicional, e úsase mesmo para engalanar diferentes espazos. Trátase deste xeito de evitar a súa desaparición. Nesta loita por manter viva o elemento propio da indumentaria popular están dúas artesás de Boiro: Moncha Noal e Marita Alcalde. Non só dedican parte do seu tempo libre a darlle forma á palla, senón que tamén están dispostas a transmitir o seu legado impartindo obradoiros.

Marita Alcalde recoñece que a ela sempre lle gustaron os traballos manuais e cando decidiu cumprirlle o sono a súa sogra regalándolle un sancosmeiro tivo claro que quería aprender a facelos. A nai de Moncha Noal, que coñecía a técnica do trenzado da palla, deulle a ámbalas dúas a primeira clase, á que lle seguiron outras de diferentes persoas: «A través da asociación de Teaño, que sementa centeo e trigo para a malla, contactamos con veciños de diferentes aldeas», comenta Alcalde, quen recoñece que o proceso non foi doado. A parella de boirenses mesmo recorreu a xente de Banzas para ter acceso ao modelo tradicional: «Queríamos respectar a forma e incluso as medidas».

E unha vez elaborado o primeiro sancosmeiro, o resto chegaron rodados. Tanto foi así que as dúas artesás acudiron ás feiras montadas pola plataforma boirense Creaturas e á Festa das Letras que Barbantia celebrou no pazo de Goiáns para vender as súas obras. Non queren vivir disto, só contribuír a manter o legado dos antepasados: «Non quero que se perda a tradición. Recoñezo que é un proceso complicado pero, cando vexo un sombreiro rematado, decátome de que o esforzo pagou a pena», sinala Moncha Noal.

Novos proxectos á vista

Tal é o empeño que teñen as boirenses, que mesmo decidiron solucionar o problema de falla de palla co que se atopaban a miúdo sementándoa. Resolta esta carencia, a experiencia e a dedicación fan o resto: «Coa práctica vanse acurtando os tempos de elaboración e tamén se mellora a técnica», apunta Alcalde, quen non dubida en desvelar cal é para ela un bo sombreiro tradicional: «O segredo do sancosmeiro está no trenzado, ten que ser apertado e consistente».

Agora que se engancharon á confección dos sancosmeiros, aínda que sexa só coma un pasatempo, as boirenses xa están pensando en ampliar horizontes. Ideas non lles faltan e todas están vinculadas a preservar elementos tradicionais que corren o risco de desapareceren: «Levamos xa un tempo facendo cestos de corres e ata temos un molde. O que ocorre é que agora case ninguén planta vimbieiras. Tamén queremos aprender a facer as capas de palla que antigamente se colocaban na cabeza». Marita Alcalde asegura que calquera idea é válida sempre e cando contribúa a loitar contra a proliferación do plástico que ameaza seriamente a supervivencia de determinados elementos empregados no pasado.

As dúas artesás boirenses atoparon no marido de Moncha Ares un aliado para empezar a soñar coa idea de amosarlle algún día a toda a cidadanía os tesouros que pouco a pouco van almacenando. «A el gústalle moito todo este tema e ten na mente montar algún día unha sala para expoñer todo isto, coa axuda claro do Concello ou de algunha institución. A min encántame a idea», confesa Marita Alcalde.