Patrocinado porPatrocinado por

Leite e terra

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

AGRICULTURA

12 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O leite galego non ten un problema de produción nin de prezo. Ten un problema de poder e de iniciativa. Si, ben sei que as xustas protestas destes días son por uns prezos inxustos manexados por unha industria tiránica e lonxana e unhas distribuidoras que fan do leite barato o produto reclamo das grandes superficies. Mais o problema do leite galego non está aí nin pode resolverse conxunturalmente cada vez que as industrias chantaxean aos gandeiros. Nin mesas do leite, nin reunións de alcaldes, nin as 62 reunións da conselleira nos últimos meses van amañar un asunto que case todos os actores se empeñan en afrontar dun xeito vello.

As cousas mudaron tanto nos últimos trinta anos que aborrece seguir escoitando falar nas vellas claves. Non hai ningún sector que reestruturar e menos aínda que modernizar. Xa non hai ningún atraso que superar, alén do que aniña en mentes cheas de arañeiras. O que si se mantén, afortunadamente, é a capacidade de protesta e de resistencia dos labregos que producen leite, que agora xa non son os 250.000 daquela senón 10.000. Son menos, si, pero seguen tendo unha forza enorme e, se saben usalo, moito máis poder que antes. Ademais son os únicos que garanten o manexo dunha parte importante do territorio galego, aquela que non está aínda forestada-abandonada. Moitos deles tamén saben como ir a unha produción máis sustentable e desde logo como fuxir da presión do mercado de insumos para ser máis autosuficientes. Temos magníficas condicións naturais de produción e os mellores gandeiros de Europa, a súa capacidade de innovación e adaptación está demostrada. Son mesmo máis que gandeiros porque veñen de vellas casas de labranza e acumulan o coñecemento do territorio que manexan.

Pero é que ademais, ás veces, cando o prezo do leite está alto, teñen ingresos que poden gastar, aforrar e investir. Con esas condicións só neles pode estar a solución. Por iso digo que o auténtico problema é de poder e de iniciativa. Que tomen conciencia do seu novo poder e que adopten a iniciativa económica que pode salvalos. Non é xa un problema de políticas nin de consellerías. Tampouco é un problema de cotas, como algúns pensaban no pasado, nin pode selo de falta delas. Nin de subvencións que levan aparelladas tantas obrigas que matan a iniciativa. Non poden seguir esperando que alguén lles solucione o problema. O tempo demostrou que ninguén o fará, que o ideal do grupo lácteo, as mesas e as consellerías dan para o que dan. Na súa riqueza reside unha parte do seu novo poder e só lles falta trasladar a iniciativa económica da produción á industria e a distribución. Ben sei que houbo moitas iniciativas hai décadas, frustradas e frustrantes. Daquela había que poñer de acordo a mil para poder empezar e aqueles emprendedores tiñan que recorrer a técnicos e enxeñeiros de fóra -en coñecementos e intereses- e ademais todo estaba lido en clave de loita política. Hoxe dez gandeiros poden montar o grupo lácteo e botar man desas fillas e sobriños que forman parte da xeración-mellor-formada-da-historia, contar co mellor asesoramento e a mellor estratexia. Teñen que saber que posúen o poder de facelo.