Iván Merayo, arqueólogo: «No castro de Sobredo non se fixo máis que comezar a escavar»

Merayo guiará unha visita a un xacemento castrexo do Courel que estudou nos anos 90

.

Quiroga / la voz

O próximo día 29, o arqueólogo monfortino Iván Merayo guiará unha visita comentada ao castro de Sobredo -no municipio do Courel- que forma parte dun obradoiro de arqueoloxía organizado polo museo xeolóxico de Quiroga. Merayo participou a mediados dos anos noventa nas escavacións deste xacemento, incluídas nun proxecto que comprendeu tamén a limpeza do castro de Vilar e catas arqueolóxicas na mina romana da Toca.

-¿O castro de Sobredo xa foi suficientemente estudado ou habería que escavar máis?

-O que se fixo no seu día non foi máis que comezar a escavar e aínda queda moitísimo por facer. Púxose ao descuberto unha parte das estruturas construtivas e consolidáronse eses elementos para que fosen visitables, pero aquilo foi só unha toma de contacto, por dicilo así. Para extraer todo o que pode dar de si ese xacemento habería que traballar moito máis.

-¿Sábese con certeza en que época estivo habitado?

-Segundo os datos que temos, a ocupación data de entre os séculos II e IV, ou sexa, nunha época de plena romanización. Hai dous niveis arqueolóxicos que corresponden a dúas ocupacións diferentes. Todo indica que o castro quedou abandonado durante un tempo e que despois volveu ser ocupado, pero non sabemos por que puido acontecer iso. É posible que tamén estivese habitado na Alta Idade Media e que fose aproveitado como unha especie de fortaleza.

-Os castros do Courel relaciónanse tradicionalmente coa actividade mineira.

-É lóxico pensar que houbo unha relación, porque na época romana esta era unha zona mineira importante e nótase que a distribución espacial dos castros non é libre, que responde aos intereses do poder imperial. Pero Sobredo non se pode considerar en sentido estrito como un castro de vixilancia. É probable que unha das súas funcións fose a de vixiar a zona, pero era un asentamento importante e os seus habitantes dedicáronse tamén a outras cousas. Sen dúbida houbo ferreiros, porque atopamos un forno e restos de fundición. Iso tamén é lóxico, porque unha zona mineira necesitaría fábricas de ferramentas. Pode definirse como un castro de servizos, como todos os da serra. E seguramente os habitantes tamén desenvolverían actividades de subsistencia: gandería de monte bravo, agricultura, apicultura, recolla de castañas...

-¿Nas escavacións apareceron utensilios ou outras pezas arqueolóxicas?

-Encontramos varios obxectos, como un coitelo, algúns aneis e fragmentos de cerámica castrexa romanizada. Entre estas últimas hai mostras de un tipo de cerámica denominada Melgar de Tera, unhas vasillas de paredes moi finas que se fabricaban a finais do século I. Estas pezas parecen imitacións algo máis tardías dese estilo cerámico.

-¿A arquitectura responde ao modelo típico dos castros da zona?

-A estrutura e modo de distribución das vivendas é igual que a dos demais castros da serra. Por outro lado, este tipo de arquitectura segue o mesmo modelo que o das poboacións tradicionais do Courel que se conservaron ata hoxe. Os materiais utilizados son os mesmos e as necesidades dos habitantes foron tamén as mesmas durante moitos séculos. O castro de Sobredo tiña ademais unhas estruturas defensivas moi importantes. Na entrada hai restos dun bastión de defensa con dúas torres e no centro parece que tamén houbo unha construción alta. Na zona de acceso existiu ademais un sistema defensivo a base de laxes de lousa fincadas no chan, igual que o do castro de Vilamor, aínda que este último está mellor conservado que o de Sobredo, que non se distingue a simple vista. E por outro lado, o castro foi construído sobre socalcos, sobre terreos que foron creados deliberadamente con esa finalidade.

Votación
2 votos

Iván Merayo, arqueólogo: «No castro de Sobredo non se fixo máis que comezar a escavar»