Conflitos pesqueiros en Porto do Son a comezos do século XX

A traíña e o bou causaron malestar entre os asociados ao Gremio de Mareantes da vila


A finais do século XIX, os veciños de Porto do Son vivían do mar e da agricultura. Os mariñeiros dos seus portos pescaban sardiñas empregando a arte do xeito en lanchas, e tamén polbos con dornas. Pero os sonenses tiñan sona polas súas pesquerías de pescada coas volantas. A súa importancia xa se reflectía en 1898: «La principal industria de sus habitantes consiste en la pesca, abundantísima en sardina, merluza, abadejo y congrio, cuyos pescados exporta en grandes cantidades, existiendo actualmente unas doscientas lanchas pescadoras. Tiene importantes fábricas de salazón».

A introdución de novas artes de pesca deu orixe a conflitos pesqueiros entre os partidarios das mesmas e os que seguían empregando as artes tradicionais. Esta conflitividade fixo necesaria a organización dos mariñeiros para a defensa dos seus intereses. En Porto do Son nace a primeira organización que defendía os mariñeiros coa influencia das federacións obreiras. Neste caso, La Protección Obrera, fundada en 1901 e que ao pouco se ía converter nunha importante sociedade de resistencia nesta bisbarra.

No ano 1903 a tensión entre os mariñeiros rematou coa colocación de artefactos explosivos en dúas casas que eran propiedade dun importante armador de pesca, Juan Parada Vidal, dono tamén dunha fábrica de salgadura na vila. A prensa da época facíase eco, no mes de xuño, dos danos causados por varios barcos franceses a 17 lanchas volanteiras de Porto do Son.

Ao tempo que se protestaba contra o emprego do bou polos vapores estranxeiros que faenaban nestas costas, os mariñeiros sonenses tamén protestaron contra o emprego da traíña.

Novo incidente

As cousas non melloraban, e o 1 de agosto de 1906 produciuse un novo incidente cando un amplo grupo de persoas, homes e mulleres, entre os que se atopaba o presidente do Gremio de Mareantes, Manuel Fernández Lourido, apedraron a tripulación da traiñeira Arca de Noé cando intentaba atracar nun dos peiraos de Porto do Son.

O presidente do Gremio de Mareantes solicitou das Autoridades de Mariña máis vixilancia na ría. Así, enviou ao capitán xeral do Departamento Marítimo de Ferrol, Marqués de Orellana, o seguinte telegrama: «En nombre pescadores este pueblo ruego a V.E. ordene vigilancia pesca esta ría Muros Noya donde diariamente pleno día calan aparejos jareta dentro zona prohibida. Tan descarada infracción leyes pesca enardece ánimos pescadores buena fe que comentan indignados impunidad falta».

Solicitouse informe ao axudante de Mariña de Noia que foi remitido con data 23 de novembro de 1907. Feitas as oportunas investigacións comprobouse que algunha traiñeira faenara na zona prohibida, pero non se puido confirmar cal foi, pois foran vistas desde terra.

O día 5 de decembro, o capitán xeral de Ferrol trasladou aquela denuncia ao director da Mariña Mercante, ao tempo que o informaba de que cada unha das rías baixas galegas necesitaba unha ou dúas embarcacións para vixiar a pesca pero non había presuposto para sostelas, polo que se agardaba a que se construísen as lanchas garda-pesca que poderían ter botes agregados a elas como embarcacións menores, e telas destacadas nas bocas das rías para inspeccionalas convenientemente.

Antiga comboa de Porto do Son cos pesqueiros varados na area

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Conflitos pesqueiros en Porto do Son a comezos do século XX