Patrocinado porPatrocinado por

«Non hai esquerda nin dereita, hai xente honesta ou deshonesta»

antonio nespereira OURENSE / LA VOZ

AGRICULTURA

«Hoxe os rapaces non cren en nada», di este profesor universitario

15 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Confesa ser tímido, pero Camilo Brandín (Sarreaus, 1946) é unha persoa moi falanteira, no bo sentido da palabra. Despois de 38 anos como profesor de Psicoloxía da Aprendizaxe e de Trastornos wwde Conduta na Facultade de Ciencias da Educación, seguirá vinculado á Universidade, pero xa xubilado. Presume de «non faltar á clase nin un so día nos 38 anos de traballo, nin por asuntos persoais nin por problemas de saúde». Isto di moito da súa entrega, pero tamén da súa saúde.

Ten unha traxectoria ampla, difícil de resumir aínda que proporcione un folio polas dúas caras con datos e opinións persoais. Anotemos, iso si, que é autor de libros e traballos sobre a súa profesión ou que foi director de Maxisterio. A súa foi unha traxectoria fecunda, pero nada sinxela. Ocorréuselle falar mal de Franco no seu pobo, en plena ditadura e foi represaliado: «Non tiven o certificado de boa conduta que se esixía para determinadas actividades», perdeu unha beca e non poido facer as milicias universitarias como outros mozos.

Camilo Brandín militou en opcións socialistas na clandestinidade, a carón de históricos como Celso Montero, Antonio Rodríguez e outros. Pero, co tempo, foi buscando o seu propio camiño, alonxado da carreira política. Agora milita na UXT. Confesa que nunca lle interesou facer carreira política, aínda que «ao principio si, pero os partidos políticos non defenden ideoloxías, senón a súa situación persoal».

En resumo, sobre a denostada actividade pública, Brandín proclama que hoxe «non hai esquerda nin dereita, hai xente honesta ou deshonesta», polo que a división de que uns son mellores que outros queda desdibuxada para este psicólogo.

Programación

Camilo Brandín aporta elementos gráficos para razoar a formación da personalidade do individuo para entender mellor determinados procesos vitais. A súa teoría parte de que «a mente das persoas é como un ordenador no que vas metendo datos e programas». É dicir, dependendo deses datos e programas (educación, entorno familiar, sociedade, etcétera) teremos un individuo con determinada personalidade.

Está escribindo sobre a teoría dos memes (xens mentais). Iso lévalle a sinalar que «gran cantidade de cousas, feitos, acontecementos, historias, relixións ou verdades absolutas non son máis que memes». Sobre a xuventude, coa que traballou e segue a traballar, Camilo Brandín lamenta que «xa non cren en nada, nin en política, nin nos banqueiros nin na relixión».

Pero, máis alá do discurso intelectual, pódense atacar outras cuestións. Como home de procedencia rural gusta de falar do campo e lamentar «que non tivese axuda ningunha». Por certo, sobre a rendibilidade da agricultura, Brandín sinala que «un tornillo xa custa tanto como medio tractor de patacas», polo que estaría xustificado o abandono das terras produtivas. En todo caso, nesta crise que nos sitúa contra as cordas, Camilo ten claro onde están as culpas: «Nos especuladores, non nos traballadores».

Camilo Brandín Feijoo.

65 anos.

Psicólogo e profesor universitario.

O campus porque na Universidade pasou 38 anos de vida profesional.