Patrocinado porPatrocinado por

«No cultivo da vide predomina o saber tradicional»

AGRICULTURA

A viticultura é un dos campos nos que a denominación de orixe Rías Baixas reclama máis estudos de investigación

20 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A Universidade de Santiago de Compostela elaborou un estudio coas necesidades de investigación que existen na denominación de orixe Rías Baixas. Segundo Vence, un dos coordinadores desta iniciativa, a medida foi todo un éxito porque xa hai seis empresas interesadas en sacar adiante novos proxectos de investigación.

-¿Como se decidiu facer este proxecto?

-O proxecto nace da iniciativa de FEUGA co obxectivo de analizar as necesidades tecnolóxicas do sector do viño como paso previo para establecer unha relación entre as adegas e o mundo da investigación e a universidade. Con elo queríamos facilitar a realización de acordos de colaboración que axudasen a mellorar o nivel tecnolóxico das adegas. Empezamos en Rías Baixas, pero agora estamos xa en todas as denominacións galegas. -¿Non era boa a comunicación entre a universidade e o sector? -A cuestión, para ser realista, é que existe unha certa relación entre algunhas adegas, as máis grandes, e algún centro de investigación. Esas experiencias de colaboración deron resultados moi positivos e pensamos que podería haber máis. Había a convicción de que había moito por facer e o estudio confirmounos que hai moitos temas que as adegas queren investigar. -¿Coincidiron as adegas á hora de elixir as súas necesidades en investigación? -Cada adega ten as súas carencias e necesidades, pero falando en termos xerais hai moitas cousas en común. Hai temas que preocupan moito, coma os tratamentos fitosanitarios, polas consecuencias que teñen sobre o viño e sobre o solo e polos custes que representan. É unha preocupación normal polo tipo de clima húmido desta zona, que fai que as pragas sexan máis persistentes. Outro tipo de necesidade é a que ten que ver coa fertilidade. Tamén hai problemas relacionados cos sistemas de plantación, coa poda... hai moitos temas que poden influír na calidade dos viños. -¿Parece que é na viticultura onde máis se vota de menos a experimentación? -Un dos resultados relativamente sorprendentes foi percibir que, hoxe por hoxe, hai máis problemas por resolver na viticultura que na elaboración do viño. Se avanzou máis no estudio e posta a punto da fase enolóxica, pero en cambio non está tan estudado o cultivo da vide, onde predomina moito o saber tradicional, non a investigación. Unha razón diso é que a investigación no ámbito da viticultura ten moito que ver coa experimentación e para os científicos iso non é tan atractivo. -Se os científicos non queren e o sector aposta pola tradición ¿que facer? -O que está claro é que ese é un problema de partida e agora hai que ir buscando vías para ir nesa dirección. Sempre sería desexable que as cousas foran máis de presa, pero tamén hai que destacar que cada vez hai máis investigadores que traballan sobre temas de viño en Galicia. Hai dez anos había moi pouco.

-Falamos de investigación en viticultura e en enoloxía pero ¿non se pode aplicar a outros ámbitos como a apertura de novos mercados?

-É certo que no ámbito da innovación non falamos so de técnica, senón tamén de xestión, de organización, de técnicas de comercio. Un dos ámbitos onde algunhas adegas identificaron necesidades é o da publicidade. Aquí está habendo unha experiencia interesante con Terra de Asorey. É un modelo de organización innovadora porque non é unha cooperativa tradicional, senón que é un modelo distinto, de poñer en común intereses de un grupo de adegas. Esas adegas pequenas non son quen de chegar aos grandes mercados. Pero todas elas en conxunto probablemente si o poidan facer. Esa é unha experiencia interesante. -¿É Rías Baixas unha denominación dinámica en investigación? -En termos relativos si. Eu creo que foi no ámbito desta denominación de orixe onde se puxeron en marcha máis experiencias de innovación, onde houbo maior inversión en tecnoloxía e onde teñen máis proxectos de investigación. É a denominación máis punteira de Galicia.