Carlos Blanco gravará en deuvedé o seu «Ao vivo (de momento)»

O actor resume 12 anos de traballo cos seus mellores monólogos en directo


A Coruña / La Voz

«Encher este teatro catro veces seguidas non vai ser doado, pero aquí contarei cousas por última vez». Isto dicía Carlos Blanco na presentación do espectáculo Ao vivo (de momento), que ofrecerá este venres e sábado no Teatro Colón. En dous días, o actor ofrecerá catro funcións cos seus mellores monólogos, que serán gravados en directo tanto en galego como en castelán. As gravacións terán lugar o venres, día 11, ás 20.30 horas en galego e ás 22.30 horas en castelán, e o sábado día 12, ás 20.30 horas en castelán e ás 22.30 horas en galego. A canle R emitirá, baixo demanda, estas gravacións.

Entre as cousas que Carlos Blanco contará por última vez nas actuacións no Teatro Colón están as alusións á figura de Manuel Fraga, xa que «nunca máis falarei del». Outra das novidades deste espectáculo será que o actor alternará galego e castelán, algo que non fai habitualmente.

Os promotores da montaxe explican que Blanco «é unha das caras máis representativas da cultura galega e conta cunha ampla traxectoria en radio, televisión, cine e teatro». Agora «chega ao Teatro Colón para revisar a súa carreira como humorista nun espectáculo non recomendado para menores de 14 anos».

O prezo das entradas é de 8 euros en venta anticipada e 10 o mesmo día do espectáculo. Ademais, «poñeranse á venta 100 entradas cun 50 por cento de desconto para parados», aínda que esta rebaixa só se aplicará no despacho de billetes do propio teatro.

Antes haberá flamenco

Para mañá, xoves, antes da actuación de Blanco, soará o flamenco no Teatro Colón. Será co concerto no que José Mercé presentará o seu último álbum, que leva por título Mi única llave. Para Javier Limón este é «el disco más gitano y más contemporáneo de José» e o mesmo conta con destacados guitarristas como Diego del Morao, Pepe Habichuela, Tomatito e Manuel Parrilla e unha bulería composta por Alejandro Sanz.

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de A Coruña

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos

Carlos Blanco gravará en deuvedé o seu «Ao vivo (de momento)»