• «Estalmat vai ter un impacto positivo para a Facultade de Matemáticas»

    A docente pensa que «Santiago é un referente da Matemática Industrial» no mundo

    Brais CApelán SaNtIaGO / LA VOZ.

    As matemáticas acostuman ser unha das rochas que moitos novos estudantes se atopan ao seu paso pola escola e o instituto. Hai aos que se lles dan ben pero non rematan de estimular os seus potenciais na materia. Precisamente coa premisa de aproveitar eses coñecementos naceu hai dez anos Estalmat-Galicia, un programa que selecciona entre centos de rapaces galegos a 25 que traballarán e estimularán as súas dotes coas matemáticas. Elena Vázquez Cendón (Ourense, 1966) é a coordinadora xeral desta actividade, que onte botaba a andar con rapaces de entre 12 e 15 anos chegados de todos os lugares de Galicia. Esta profesora de Matemática Aplicada da USC considera que este tipo de iniciativas serán «positivas» non só para a súa carreira, senón para moitas outras que gardan relación entre si.

    -¿Como cambiou este proxecto nesta década?

    -Creo que a evolución foi positiva. Un porcentaxe do equipo docente está consolidado e foise incorporando máis xente. Creo que Estalmat foise enriquecendo da experiencia das edicións anteriores, aplicando novas ideas en función das novas demandas. Hai que ter en conta que este é unha parte dun proxecto colectivo, como é Estalmat-España. Todos os anos reunímonos para tratar de mellorar. Creo que a experiencia é moi positiva, tanto pola expectativa creada como pola participación. O número de participantes das probas foise incrementando e estamos rozando o máximo. Cada vez tratamos de mellorar a través da experiencia dos estudantes.

    -¿Concíbese como un privilexio ou coma un reforzo necesario?

    -Eu penso que é unha oportunidade. Trátase de aproveitar ese talento matemático que teñen os seleccionados. Os nenos estano pasando moi ben e están facendo moitas cousas, pero xa tiñan antes ese talento. O que pretendemos é estimulalo e consolidalo. É un agasallo para eles poder desenvolver ese talento latente e para o equipo docente poder traballar con nenos que queren aprender e que te escoitan é un luxo.

    -¿Teñen constancia de que os participantes rematen decantándose polo grao en Matemáticas?

    -Agardamos poder facer público a finais deste ano un estudo sobre as promocións que xa remataron. Vemos que hai unha porcentaxe importante de xente de matemáticas pero hai tamén persoas que van a Física ou Enxeñerías. Creo que as matemáticas permiten conectar con moitas vías de coñecemento. O obxectivo non é que veñan á Facultade de Matemáticas, senón que manteñan ese amor por elas.

    -¿Notouse na matriculación na USC a implantación deste programa?

    -Creo que hai moitos efectos positivos que están favorecendo á Facultade. Cada acción positiva que se fai desde os distintos medios contribúe. O ano pasado, por exemplo, había sete estudantes de dúas promocións de Estalmat que comezaban primeiro de Matemáticas. Creo que este proxecto terá un impacto positivo para a Facultade.

    -¿Que destacaría do centro ao longo destes anos?

    -Creo que hai moitos perfís dentro das matemáticas. Penso que teño compañeiros moi destacados en varios ámbitos. No eido das matemáticas industriais, a Universidade de Santiago é un referente a nivel nacional e internacional. De feito, notamos un incremento dos estudantes deste máster, que proceden de toda España. O traballo de comunicación e interacción coas empresas está dando moitos froitos. Creo que en todas as áreas que se traballan na Facultades hai referentes moi importantes, por iso os números e os indicadores que temos son tan bos.

    Ver Comentarios