• Idade Media e música popular danse a man no debut de Manseliña

    No primeiro disco do conxunto, «Sedia la fremosa», conviven cantigas de Afonso X e Martin Codax coa tradición galega

    xesús fraga redacción / la voz.

    «Sedia la fremosa seu sirgo torcendo, / sa voz manselinha fremoso dizendo / cantigas d’amigo». Destes versos do século XIII de Esteban Coelho toma Manseliña tanto o seu nome como conxunto como o título do seu primeiro disco, Sedia la fremosa (Lindoro). É unha escolla acaída non só polas cantigas que forman parte do repertorio do grupo, senón porque «manseliña» é dos poucos adxectivos cos que se describe a voz na Idade Media. «En Manseliña preferimos darlle protagonismo á voz, minimizando o acompañamento e propoñemos instrumentos e ritmos propios alí onde a partitura non dá ningunha indicación», describe María Giménez, voz e fídula do conxunto, xunto con Tin Novio (laúde e cítola), Pablo Carpintero (gaita a partir da cantiga 360 de Afonso X, aerófonos e pandeiros) e a colaboración do órgano portativo de Belén Bermejo nunha das pezas.

    Nesa descrición atópase outro dos sinais de identidade de Manseliña, que sacan partido da relación que dende antano mantiveron música sacra e popular. «O repertorio do disco mestura cantigas de Santa María de Afonso X e de amigo de Martin Códax, que conservan música medieval propia, con música tradicional galega con trazos melódicos ou poéticos semellantes a estas cantigas», explica Giménez. «Utilizamos melodías e ritmos galegos alí onde falta a música, como é o caso da cantiga Eno sagrado en Vigo, cantada sobre a Muiñeira da Ameixenda, ou Sedia la fremosa sobre o Alalá de Noia», pon como exemplos. «Esta técnica de reutilización de melodías ou contrafacta utilízase na Idade Media e está descrita no tratado anónimo Arte de trovar, recollido no cancioneiro Colocci-Brancutti», engade.

    No tocante á parte tradicional do repertorio, esta tomada de cancioneiros galegos e portugueses, como os de Casto Sampedro, Dorothé Schubart ou Leite de Vasconcelos. Inclúe pezas como Carmiña, Carmela ou a cantiga de seitura Ai, miña nai mandoume á fonte, «emparentada pola temática e a simboloxía coas do xograr Pero Meogo, e que tamén se canta en Tras-os-Montes», di Giménez, «xustamente na hora tertia, como residuo da influencia cisterciense na codificación dos tempos de traballo, incluso dos seus campesiños».

    A parte medieval do seu repertorio, explica a vocalista, «suscita grande interese na Península, Centroeuropa e Norteamérica, tanto entre os músicos especialistas nestes período como entre o público afeccionado». Como noutros eidos, musicais e culturais, a tecnoloxía pon en contacto a públicos interesados en épocas concretas. Giménez cita como exemplo canles de YouTube onde se elaboran vídeos a partir de miniaturas.

    Este repertorio funciona moi ben co público galego en concerto. Un panorama, o da música ao vivo, que esperta sensacións contraditorias na vocalista de Manseliña. Dunha banda, a resposta é mellor no contexto dun festival, que nunha actuación illada, o que conduce á reflexión sobre estes certames: algúns só programan do Barroco cara a adiante, o que exclúe propostas como a deste grupo, que é consciente de que a música antiga recibe máis atención noutras citas peninsulares ou en Francia. Porén, Giménez destaca o «cambio fundamental» dunha maior presenza de músicos galegos en festivais, e nomea en concreto Espazos Sonoros, que cun orzamento cativo non sacrifica a calidade.

    Aínda que o interese por promover a música clásica e a antiga en particular «xa foi mellor do que é hoxe», María Giménez considera que o nivel cultural do galego medio, así como dos músicos, vai na dirección oposta e segue a medrar. «En relativamente pouco tempo temos orquestras case en todas as grandes cidades, algunhas nutridas só con músicos de aquí, e tamén hai orquestras de estudantes nos conservatorios, na universidade e mesmo nalgúns institutos», analiza. «Hai conservatorios, escolas de música, academias, bandas, coros... -enumera- tamén hai música no colexio e no instituto como materia e como extraescolar. En xeral hai moito interese pola formación musical. E hai conservatorios con sección de música antiga ou que ofrecen algún instrumento histórico e unha manchea de luthiers especializados en instrumentos históricos».

    Ver Comentarios