• Namorarse dunha serea

    «Sicixia» está dirixida por Ignacio Vilar e protagonizada por Marta Lado e Monti Castiñeiras

    eduardo galán blanco

    Sicixia -que significa eclipse-, supón saír á luz, fuxindo da mecánica pouco celeste do cinema actual; abrir de negro a un xeito distinto de producir ficción, non necesariamente poverello pero si cargado cun espírito netamente franciscano, un guión en continua construción, e cunha interpretación naturalista, arriscada, e en galego.

    O novo e imprescindible filme de Ignacio Vilar está intimamente ligado ao Tabú de Murnau, a Na cidade branca de Tanner, a L’arbre sous la mer de Muyl, e aos Lisbon story e Palermo Shooting de Wenders. E tamén, por suposto, ao Eclipse de Antonioni.

    O equipo do filme, case herzogiano, subiu ata os cumes do Pindo, a filmar por primeira vez unha ficción no monte sagrado e mítico, natureza poderosa da que xorde a historia de amor telúrica entre un técnico de son, urbanita errante, e unha rapaza «salvaxe» e aldeá que colleita algas. A escintilante promesa Marta Lado é pura intuición, tenue melancolía e doce tristura. E Monti Castiñeiras percorre o límpido camiño inverso da súa xenial encarnación como encantador canalla en Serramoura.

    As cámaras de Sicixia mergulláronse nas augas dun bosque animado de algas, das que a Leda vestida de neopreno emerxe para namorar ao cisne, Zeus derrotado e perdido nun mundo decrépito no que xa non cre. Namorarse dunha serea esixe esquecer: a película é a historia dun amor ferido pola paixón, cargado cun fado maldito fillo da incomprensión do mundo civilizado. Nos labirintos, nos abismos dos cantís, están as preguntas todas.

    O protagonista busca as respostas, rexistra para os arquivos sonoros os laios primeiros da cultura, desde a fala diversa ata os rinchos dunha rapa das bestas onde os aloitadores curtan as crinas do cabalo libre, unha metáfora do mundo salvaxe en loita persistente coa civilización castradora.

    «Hai cousas que non se pensan coa cabeza», dille a Afrodita da fin do mundo ao aventureiro nómade. Pois a relación do home moderno coa natureza é obsesión de Ignacio Vilar, o director de Sicixia. Un tema moi presente noutros filmes do autor: Pradolongo, Vilamor e mesmo A esmorga.

    Ver Comentarios