• «A igrexa está incumprindo promesas como a de fomentar o uso do galego»

    Bota en falla o entusiasmo de hai 50 anos, cando el foi ordenado sacerdote

    m. X. blanco ribeira / la voz.

    Non son moitos os que poden presumir de seren profetas na súa terra. Andrés Torres Queiruga pertence a esa lista selecta de persoas queridas e recoñecidas no seu pobo. Mostra diso é a homenaxe que mañá se lle tributará en Aguiño. O teólogo veu nacer esta nova parroquia, recolleu a semente do inesquecible Francisco Lorenzo Mariño e segue a ser hoxe dos que avogan por manter vivo o seu espírito.

    -A homenaxe que mañá lle tributarán os veciños vén dada polos 50 anos que pasaron desde a súa ordenación como sacerdote, ¿como lembra aquel día?

    -Eu viña cargado de entusiasmo, con moito afán por contribuír a unha igrexa galega. Foron tempos de gran ilusión para Aguiño, pois era unha parroquia que estaba medrando. A igrexa tiña que manter hoxe aquel ritmo frenético de hai 50 anos, pero apagouse moito entusiasmo despois do concilio. A igrexa está incumprindo promesas como a de fomentar o uso do galego.

    -Se volvera a aquel día, ¿cambiaría algo?

    -Faría o mesmo, porque eu vivo o meu sacerdocio como teólogo. Desde pequeno, o meu obxectivo foi sempre o de repensar a fe, conseguir que se entendera o que o Evanxeo nos quere ensinar. De feito, estou agora traballando nun libro que busca dar unha visión que se poida entender dos grandes misterios da cristoloxía e da Trinidade.

    -Pero é consciente de que a igrexa católica non atravesa o seu mellor momento.

    -Si e non. Temos un Papa que vai pasar á historia como un dos máis grandes, pois está retomando o espírito do concilio. Está sendo tamén a mellor figura dunha conciencia moral para o mundo enteiro. Hai esperanza.

    -Sen embargo, a situación a pé de rúa é ben distinta.

    -Si, porque vimos dun período de estancamento. Hai fermento novo e se os cristiáns nos unimos pode empezar unha etapa moi importante. A figura do sacerdote tamén ten que actualizarse e, no caso de Galicia, é preciso unir os seminarios e fundar unha facultade de teoloxía. É incrible que aínda non exista.

    -¿Como acolleu a idea desta nova homenaxe?

    -Primeiro, con gran sorpresa, pois os veciños gardaron o segredo case ata o último momento. Eu non son nada afeccionado a este tipo de homenaxes pero, loxicamente, teño que agradecelo, pois está feito con cariño. Para min, o importante é que se trata dunha forma de unir á parroquia, pois temos que ser coma unha gran familia.

    -Aguiño sempre tivo unha relación especial coa Igrexa e cos seus párrocos...

    -Penso que se debe a que Aguiño, a diferenza de outras parroquias, é moi nova. Eu, de feito, asistín á súa fundación, á construción da igrexa pedra a pedra. Vin como Francisco Lorenzo ilustraba aos veciños. E neste punto si que quero facer unha paréntese, pois considero que as últimas actuacións levadas a cabo no templo romperon a unidade que el imprimiu no seu día de templo mariñeiro e galego.

    -¿Refírese a obras materiais ou tamén a cambios no xeito de oficiar a misa?

    -Aos dous. Perdeuse o costume de oficiar as misas en galego, aínda que o novo párroco, pese a ser de fóra, ten previsto recuperalo; pero tamén houbo obras materiais que romperon o carácter mariñeiro que Lorenzo Mariño lle quixo imprimir á igrexa. Retirouse o temón que estaba no ambón desde o que se realizan as lecturas e o sagrario con forma de dolmen que fora feito con pedras do mar. Penso que é o momento de recuperalos.

    -¿Sofreu a unidade creada por Francisco Lorenzo no seu día o continuo cambio de párrocos tralo seu falecemento?

    -Vivimos tempos de conflitos e división; en Aguiño tamén os houbo, pero creo que están superados. O párroco actual é de consenso e pretende unir a tódolos fregueses.

    Ver Comentarios