• Jacobo García clasifícase para o Mundial Absoluto e para o Europeo Júnior de 420

    O vilagarcián do R.C.N. Sanxenxo vivirá un intenso mes de xullo

    vilagarcía / la voz.

    O vilagarcián Jacobo García e o seu compañeiro coruñés no Real Club Náutico Sanxenxo Toni Ripoll rendabilizaron ao máximo o seu excelente debú como regatistas Sub-19 no Campionato de España da clase 420. Campións do Mundo e de Europa Sub-17 o ano pasado, García e Ripoll remataban o pasado sábado novenos da xeral da cita disputada durante a Semana Santa na ría de Arousa, co Centro Galego de Vela de Vilagarcía como sede do evento, e o que é máis importante, sextos na súa nova categoría de idade. Un posto que lles facilitou cadanseu billete para as dúas grandes citas da clase 420 neste 2019. O Campionato do Mundo Absoluto que do 3 ao 11 de xullo se disputará nas augas portuguesas de Vilamoura. E o Campionato de Europa Júnior, que desde o día 22 ao 30 do mesmo mes reunirá a elite continental da categoría de novo co C.G.V. de Vilagarcía como epicentro, e a ría de Arousa como campo de batalla naval. En ambos campionatos estarán tamén as parellas do R.C.N. Vigo formadas por Martín Wizner e Pedro Ameneiro, e por África Alonso e María Pérez.

    Como as outras dúas parellas galegas, Jacobo García e Toni Ripoll gañáronse a súa nova dobre internacionalidade pola súa posición no ránking nacional, elaborado coa combinación das seis mangas computadas na Copa de España celebrada en novembro en San Sebastián, e polas nove do Campionato de España da semana pasada. En total eran 14 barcos Sub-19, sete masculinos e outros tantos femininos, os que había en xogo para a selección española, que realizará unha concentración de traballo no Centro Galego de Vela antes do Mundial Absoluto.

    Ver Comentarios