A unión de vivos e defuntos, unha tradición moi enraizada na Terra Chá

Os emigrados a América querían ser enterrados no seu lugar de orixe ou a carón doutros que tamén emigraran


Entre os costumes máis fondos enraizados na nosa cultura destaca o de visitar os cemiterios chegando o tempo no que os días abrevian. Non é algo peculiar de chairegos ou de galegos, pero si que ten características que dan que pensar. Neste noso país toda casa que se estime ten que posuír un panteón que sirve de morada e referencia dos defuntos fundadores e mantedores da liñaxe dos vivos. Porque os que están e os que estiveron forman parte da casa como núcleo familiar e tamén da parroquia como grupo social.

 

1 VENCELLOS DE COMUNIDADE

Cónstanos que hoxe os emigrantes saídos do rural mercan nichos naquelas parroquias onde se bautizaron eles mesmos ou os pais ou os avós. Mesmo se pide facer

alí as honras fúnebres. Queren formar parte da comunidade na que chegaron ao mundo e sentirse protexidos pola fortaleza da forza familiar e parroquial. Este asunto queda ben ilustrado na reportaxe que X. Mª Palacios publicou en La Voz de Galicia do 27 de outubro pasado. E non é cousa nova. Os habaneiros de hai cen e máis anos, eses que trouxeron riqueza e educación a familias e veciños, pedían ou ben ser enterrados na parroquia de orixe ou a carón dos compañeiros, tamén parroquianos, emigrados.

Ben certo que nos tempos modernos hai pensadores agnósticos e asimilados que queren facer coincidir os vínculos entre presentes e ausentes con iletradas, cando non ignorantes, tradicións do pasado; pero o certo é que dun ou doutro xeito case todos os veciños da parroquia, rural ou urbana, imos visitar os camposantos chegadas estas datas, aínda que se deba viaxar. E todos, pouco ou moito, queremos deixar constancia do vínculo que nos une cos que alí moran e mantemos os lugares coa dignidade e decencia que merece a liñaxe.

A unión de vivos e defuntos está fondamente arraigada na tradición. Non é necesario recordar que os romanos, dentro das casas, reservaban un espazo para unhas aras que honraban os espíritos protectores dos antepasados, os lares, os manes, os penates. Máis próximos a nós no tempo, e para ser recordados todo o ano, temos presentes nos espazos

de rezos as inscricións que insisten nos vínculos entre vivos e defuntos: «Con limosnas y oraciones / saldremos de estas prisiones»; «A la Gloria imos / aivdadas de los bivos», e «En camino de salbacion estamos; / por Dios, aivdadnos!».

 

2 COMUNICACIÓN

O recordar mediante ofrendas os defuntos está presente na nosa cultura, e malia que pareza que non se realizan, a tradición continúa presente. Tamén o está a comunicación non verbal, sempre silenciosa e sen alboroto, entre un mundo e outro. O descanso dos que marcharon ou dos que

quedan por veces depende dunha esmola, dun rezo ou de xestionar o que non se acabou a tempo.

Poida que sexa pola construción de estradas e pistas, pola chegada do alumeado público ao rural ou poida que por falta de atención, o caso é que os moradores dos camposantos parece que nos tempos modernos parecen silenciar as comunicacións coa familia ou coa veciñanza. Se cadra o asunto require maior dedicación para escoitar e para interpretar sinais.

Visitamos os cemiterios porque imos ver a quen nos precedeu no tempo e recordamos feitos e consellos. Facemos a visita porque mantemos o vínculo da liñaxe pasada e presente. Conservamos o vínculo da liñaxe porque aceptamos a presenza dos antepasados na riqueza da casa. E así pechamos un círculo que seguirá medrando en xeracións futuras, sempre coa esperanza de seguir prosperando e de ser axudados se algo quedou sen facer ou se o litixio non se axustou a bo dereito.

 

3 SIXILO

Sábese dalgúns defuntos que non moran entre as paredes dos cemiterios. Tempos houbo nos que os non cumpridores de ritos ou os que xa nacían sen vida eran sepultados, con certo sixilo tenebrista, acaroados ás paredes exteriores dos camposantos ou abeirados á sombra dos cruceiros, pero sempre preto de camiños, pasos e pontes que anda a xente.

Foron tempos e feitos pasados pero non esquecidos. Pero tanto os que recibían terra en cemiterios coma os sepultados en lugares sacralizados reclamaban oracións, esmolas e axudas enviando sinais en forma de luces coma charetas, de voces coma ecos ou de feitos inexplicables e fóra da lóxica. En todo caso consta que alí estaban e que por alí andaban.

Sería ben atender algo máis ao que non se ve ou ao que non se oe. E chegados a este punto, e polo si ou polo non, recordamos o vello canto popular: «Polas ánimas benditas dade esmolas, devotos; / que poida que algún día as pidan para vosoutros».

Votación
0 votos
Comentarios

A unión de vivos e defuntos, unha tradición moi enraizada na Terra Chá